Madeira, pedras e un verán construído polos cativos

Éxito de público no Festival do Estío en Vilagarcía


Vilagarcía

¿Que poden facer uns rapaces cuns anacos de madeira? Pois construír un mundo. Así quedou demostrado onte, no parque Miguel Hernández (Vilagarcía), onde durante toda a xornada se desenvolveu o Festival do Estío. En horario de mañá, e tamén de tarde, os cativos tiveron ocasión de gozar xogando ao seu xeito con madeira e con pedras. Puideron ver espectáculos de monicreques, soñar con trucos de maxia, e escoitar boa música en directo. E así, sen tecnoloxía, sen pantallas, sen móbiles que lles marcasen o ritmo, déronlle a benvida ao verán, a máis luminosa das estacións do ano.

Este festival para toda a familia naceu hai xa uns anos, da man da concellería de Cultura que xestiona Sonia Outón. Edición tras edición, esta cita articúlase arredor dun programa variado no que teñen cabida Anxo Moure e o seu máxico patín en forma de nube, Trinke Trinke, o mago Martín Camiña, a música de Xoán Curiel, Charo Pita e as súas historias de galiñas, os contos de Bea Campos, as aventuras de Vera Rilo e Marta Ortiz, os trucos de Fani Triana, os percorridos en tranvía de Ignacio Vilariño, a música de Servando Barreira e as narracións do bardo Abelardo e de Barbamor, o concerto de Pablo Díaz...

Como ven, a lista de actividades que lle deron forma ao gran festival que recibe o verán en Vilagarcía é ben longa. A oferta, regada cuns raios de sol coma os que onte acariñaban o fermoso parque Miguel Hernández, facíase irresistible. Máxime, tendo en conta que moi cerquiña do lugar reservado para o Festival do Estío, baixo unha carpa protectora, fica aberta a mostra «Gatos, ghatiñas, gatíos», da Deputación de Pontevedra. Unha exposición interactiva coa que este organismo pretende sementar nos máis cativos o amor polo galego. Foi, sen dúbida, o complemento perfecto para un Festival do Estío que desta volta, da man do programa Apego, tamén quixo aloumiñar a nosa lingua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Madeira, pedras e un verán construído polos cativos