«O 80 % do lixo que se acumula nos fondos mariños procede da terra»

Forma parte do grupo que está a localizar puntos de acumulación de lixo en Sálvora

.

ribeira / la voz

Desde hai un tempo vénse desenvolvendo no Parque Nacional das Illas Atlánticas un proxecto enmarcado na rede para a protección dos ecosistemas mariños. O obxectivo é localizar os puntos nos que se acumulan os residuos no fondo do mar de cara á súa eliminación, levar a cabo limpezas no litoral e sensibilizar á poboación no respecto cara o medio ambiente. Saleta González forma parte do equipo do Colexio de Biólogos de Galicia que está a traballar en Sálvora.

-¿Cal é a finalidade deste proxecto?

-O proxecto comezou a finais do ano pasado, pero a parte máis intensa empezou neste 2018. O obxectivo é sensibilizar sobre o problema dos plásticos e tamén levar a cabo pequenas accións para eliminar os residuos mariños que haxa no entorno do parque nacional e, neste caso, en Sálvora.

-¿É tan alarmante a situación con respecto ao tema dos plásticos?

-O problema do medio ambiente é que vai a un ritmo diferente ao que temos nós, no relativo ao momento no que se amosan os impactos. Agora estanse percibindo a nivel mundial os impactos sobre a presenza de plástico e de microplástico en todo o entorno mariño, tanto na auga como en diferentes organismos.

-¿Canta xente está a traballar sobre o terreo?

-O bo deste proxecto é que non está só implicado o Colexio de Biólogos de Galicia, senón tamén o parque e o sector científico. Tamén hai implicación dos pescadores da confraría de Aguiño e hai un tecido asociativo que está colaborando, desde os voluntarios da escola de capataces de Lourizán ata a Asociación Española de Basuras Mariñas.

-¿Como está a ser a resposta dos mariñeiros de Aguiño?

-A resposta é espectacular. Os pescadores están traballando activamente para eliminar eses impactos e tamén están recibindo e divulgando información.

-¿Como é ese traballo de campo?

-Primeiro fixéronse mesas de traballo co sector pesqueiro e co eido científico, e formulouse un plan de acción e de boas prácticas. Logo, hai accións de detección de lixo mariño en fondos que están facendo os mergulladores e os pescadores de Aguiño, e tamén se están eliminando residuos nas praias. Agora mesmo estase coa detección dos residuos nos fondos mariños.

-¿Cales son eses residuos que se atopan con máis frecuencia na zona de Sálvora?

-O 80 % do lixo que se acumula nos fondos mariños procede da terra e o 20 %, de actividades pesqueiras. Hai produtos comúns que poden vir de calquera dos dous eidos. Hai desde botellas e zapatos ata cabichas e latas. Tamén cabos e materiais das bateas, pero moitos proveñen das actividades da terra.

-¿Que actividades figuran na folla de ruta?

-Está programada unha xornada para o día 22, na que se van presentar esas boas prácticas e tamén van falar os pescadores sobre os puntos de acumulación de residuos nos fondos. Virán expertos de diferentes eidos a contar as súas experiencias.

-¿Como realizaron os mariñeiros ese traballo?

-O que fixemos foi deseñar un sistema de alerta, mediante mapas que teñen nas confrarías. Os mariñeiros foron marcando os puntos de acumulación de residuos para logo ir a limpar.

-¿Que pode facer a sociedade diante desta problemática que se presenta?

-Estamos todos implicados no que é a orixe do lixo mariño, polo que o primeiro paso vén cando facemos as compras. Hai que evitar mercar determinados produtos con exceso de empaquetado, procurar reutilizar o maior posible os envases e cando realizamos as nosas actividades lúdicas ou de traballo preto do entorno mariño, tratar de non deixar nada atrás. É un cambio de hábitos a nivel xeral.

-¿Haberá actividades abertas ao público en Sálvora?

-Temos prevista unha xornada aberta ás familias dos pescadores de Aguiño e igual poderá incorporarse algunha persoa máis, pero o voluntariado do parque si que está aberto para quen desexe sumarse.

«Os pescadores están traballando activamente para eliminar eses impactos»

«Hai desde botellas e zapatos ata cabichas e latas. Tamén cabos e outros materiais»

«No que é a orixe do lixo mariño, o primeiro paso ven cando facemos as compras»

Votación
0 votos
Comentarios

«O 80 % do lixo que se acumula nos fondos mariños procede da terra»