O Cambados T.M. busca firma que o acompañe á Superdivisión

AROUSA

MARTINA MISER

O club, homenaxeado onte polo goberno local, precisa dun patrocinador antes de ir a polas fichaxes que lle garantan a permanencia. Fernando Padín e o granadino José Manuel Ruíz están xa apalabrados; Rafael Taboada é baixa

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte facía un mes e un día. O 8 de maio o Cambados Tenis de Mesa culminaba o traballo dos 45 primeiros anos de existencia do club conquistando en Pontevedra un histórico e épico primeiro ascenso á Superdivisión, a máxima categoría do deporte da pa en España e unha das ligas de referencia a nivel mundial. Os seus catro protagonistas, o cambadés Fernando Padín e os granadinos José Manuel Ruíz e Rafael Taboada, xunto co seu adestrador, Ñajo Padín, pai do primeiro, gozaban ao mediodía da recepción oficial que o goberno local lles tributa aos equipos e deportistas do municipio polos seus fitos, e que por fortuna se está a converter nun hábito cada vez máis frecuente.

A alcaldesa, Fátima Abal, e os concelleiros de Deportes, Víctor Caamaño, e de Asuntos Sociais, Tino Cordal, trasladáronlle os seus parabéns aos integrantes do primeiro plantel do Cambados T.M. e, por extensión, ao club. Caamaño animou a este último a que «aproveite este momento para facer a maior base posible», salientando que a entidade «é un exemplo de constancia e de bo traballo».

Pola banda dos homenaxeados, todos falaron. Pero polo seu significado para o Cambados T.M., a intervención de Fernando Padín espertou a maior simpatía entre os presentes, ao lembrar que desde pequeno ata hoxe medrou como xogador no club do seu pobo, polo que, dixo, «estoy muy orgulloso de haber participado del ascenso».

Fernando Padín será de feito a primeira pedra do primeiro proxecto do Cambados T.M. na Superdivisión. Seu pai confirmou que o club ten apalabradas a continuidade do canteirán e mais a de José Manuel Ruíz. Non así a dun Rafael Taboada que declinou dar o salto ao resultarlle incompatible co seu traballo de adestrador no Centro de Alto Rendemento Blume de Madrid.

Os plans de Ñajo Padín pasan por «hacer una plantilla para salvarse, de 4-5 jugadores máximo». Pero «de momento estamos bloqueados, pendientes de encontrar patrocinadores para poder confeccionar el equipo», declarou onte. Co Concello, subliña Padín, «estamos muy agradecidos por todo lo que hace por nosotros».