A petición do Xuven de máis axuda municipal pincha en óso

O concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, declara que «os proxectos deportivos profesionais non se poden basear nos cartos públicos»


vilagarcía / la voz

A primeira condición para a continuidade do Club Xuventude Baloncesto na LEB Prata cumpríase o pasado sábado, coa aprobación por parte da asemblea xeral da Federación Española de Baloncesto da reforma e ampliación da Liga co paso de 16 a 24 equipos. Divididos en dous grupos de doce, a redución dos custes no capítulo de viaxes ou de inscrición federativa facilita a posibilidade de que o conxunto cambadés volva competir, por sexta tempada consecutiva, na LEB Prata grazas a unha hipotética invitación da FEB tras perder a categoría nas pistas. Un paso adiante que a directiva presidida por Toño Lema só daría, explicou hai uns días o mandatario do club, de atopar maior apoio económico do que veu recibindo a franquicia arousá nos últimos anos. E por aí debe saber xa que a fonte municipal non dará máis de si.

O edil de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, é sabedor da opinión de Toño Lema de que o Concello non lle estaría proporcionando ao club unha achega acorde á esixencia e á presenza que a Cambados lle reporta contar cun equipo na terceira categoría do baloncesto español. E a resposta de Caamaño era onte tan serena coma contundente: «Como Concello a nosa prioridade é o deporte de base, e o deporte de lecer. Asegurarnos de que as nenas e os nenos, e a xente que queira facer deporte o poida practicar. Os proxectos deportivos profesionais non se poden basear nos cartos públicos, teñen que sustentarse no sector privado».

Caamaño tira do máis próximo para a súa argumentación, e lembrando que «acaban de subir o Juventud e o primeiro equipo de tenis de mesa», afirma que «non podemos cubrir as súas necesidades tamén. Nós, como calquera outra administración pública, debemos apoiar o baloncesto base, o fútbol base, o tenis de mesa base, non axudar a pagarlles soldos a xogadores e a adestradores profesionais».

No tocante ás axudas municipais ao deporte do Concello de Cambados, o edil da materia sinala que «temos unha partida duns 72.000 euros para a actividade dos clubs, dos que entre 17 e 18.000 son para o Xuven, que é o que máis leva, e outros 40.000 para eventos». A iso engádelle os gastos de mantemento das instalacións deportivas municipais que, lembra, o Concello pon a disposición das entidades deportivas sen cobrarlles un euro. Xuntos «falamos duns 200.000 euros ao ano dedicados ao deporte» nun orzamento total, subliña, de case 9,5 millóns de euros.

 

Xuntanza mañá entre as partes

Así as cousas, Víctor Caamaño conta que «entendo que non hai moito percorrido» para as intencións da directiva do Xuven de conseguir un incremento da achega económica do Concello ao club. O edil comenta que se trata de «enfrontarse á realidade». Con todo, na súa axenda figura unha xuntanza de traballo mañá a media tarde con representantes da entidade do Pombal para falar das súas necesidades. A ela acudirá Caamaño a «escoitar, e tentar axudar en función das nosas posibilidades», di.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A petición do Xuven de máis axuda municipal pincha en óso