Veloso sae quinto da crono do GP Jornal de Noticias

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

CiclismoO vilagarcián asina o segundo tempo da C.R.I., a 6 segundos do novo líder, Grigorev

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tíñaa subliñada en vermello desde o primeiro día. E se ben non foi quen de gañar, Gustavo César Veloso deu un gran paso adiante no su obxectivo esta semana, cruzar o domingo a meta de Vila Nova de Gaia co xersei amarelo do Grande Prémio Jornal de Noticias. O xefe de filas do W52-F.C. Porto completaba na tarde de onte o segundo e último sector da terceira etapa segundo na contrarreloxio individual de 9,5 quilómetros polas rúas de Barcelos. Fíxoo en 11 minutos e 51 segundos, tan só 6 segundos máis cós empregados polo ruso do Sporting-Tavira e novo líder da xeral provisional, Aleksandr Grigorev. Domingos Gonçalves, do Radio Popular-Boavista, rematou terceiro co mesmo tempo có vilagarcián, e por diante de boa parte do resto de candidatos ao triunfo final, Daniel Mestre (Efapel), a 7 de Grigorev, António Carvalho (W52-F.C. Porto), a 8, o estradense Álex Marque (Sporting-Tavira), a 10, e Jóni Brandão (Sporting Tavira), a 11. O cambadés e gregario de Veloso, Ángel Sánchez, asinou unha notable contrarreloxio, en 12.37, a 52 segundos do vencedor.

Gustavo César chegaba ao segundo sector a 50 segundos de Daniel Silva (Radio Popular-Boavista), novo líder provisional ao termo do primeiro sector do día logo do triunfo ao esprint masivo de Rafael Silva (Efapel) ao termo dos 78 quilómetros entre Monçao e Viana do Castelo, con Nuno Meireles (Miranda-Mortágua) cedendo o xersei amarelo ao chegar a 6 segundos dun primeiro paquete de 29 unidades.

Tras a xornada de onte, Veloso parte hoxe da saída de Santo Tirso quinto na xeral a 6 segundos do líder -Carvalho é cuarto a 4 e Sánchez 47º. a 1.42-. Por diante, 154,4 quilómetros, e unha chegada a Valongo, localidade de orixe do W52-F.C. Porto, o que invita a pensar en que o equipo do vilagarcián pasará ao ataque para ir a polo liderado do G.P. Jornal de Noticias.