«Son un gaiteiro do meu tempo e fago espectáculos do meu tempo»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

O gaiteiro e o seu grupo, Tribo, presentan mañá na Illa un espectáculo que combina música, poesía e danza

04 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Inquedo, valente e inconformista, Óscar Ibáñez segue a procurar novas sendas polas que botar a andar a súa proposta musical. A máis recente é O Latexo das Letras, un espectáculo que mañá estrea no auditorio da Illa no que, ademais de polos cinco músicos do seu grupo Tribo, estará acompañado pola poeta Tamara Andrés e por convidados como o gaiteiro carrilexo Cristian Silva, os tamén carrilexos Os Xirifeiros e por dúas bailarinas da escola de danza Perla de Arousa.

-Música, danza e literatura. O espectáculo total.

-Nos meus últimos espectáculos sempre tratro de aportar algo que vaia máis alá da miña propia música. Nesta ocasión, tendo en conta que estamos no mes das Letras e que María Victoria Moreno era profesora no instituto de Pontevedra no que eu estudaba, pareceume interesante mesturar música e literatura como fío conductor.

-Tamén lle engadiu a danza.

-Sí, ademais é danza clásica. Pareceume máis suxerente. Non sempre esta música ten por que ir acompañada de baile tradicional.

-¿Como se combina todo iso no escenario?

-Dun xeito moi dinámico e con algunha que outra sorpresa. Hai que manter ao público atento durante hora e media.

-Para que non coñece ou confunde a Óscar Ibáñez, ¿cales serían as súas principais sinais de identidade?

-Penso que precisamente este tipo de espectáculos tan dinámicos están marcando un selo persoal. Hai neles moita calidade musical e visual. E moitísima enerxía.

-Musicalmente, ¿por onde transita?

-Hai tamén moita variedade niso. É moi importante que saiamos da xota e da muiñeira. Nos meus concertos soan tamén habaneiras e outros ritmos latinoamericanos. Porque a música da emigracion non deixa de ser música galega tamén.

-¿Hai polo tanto unha actualización da figura do gaiteiro?

-Por suposto. Eu son un gaiteiro do meu tempo e por iso fago espactáculos do meu tempo. Dende o respecto, por suposto. Tampouco é que faga nada progresivo. Bebo da tradición pero trato de actualizala e de presentala dun modo máis atractivo. Non só para os especialistas senón para o público en xeral.

-E a mocidade, ¿reengánchase ao tradicional?

-A mocidade ten hoxe moitas opcións. É difícil enganchala. Hai que presentarlle a música tradicional dun xeito que lles resulte moito máis atractivo. Pero pouco a pouco ímolos conquistando.

-¿Que lle fai falta hoxe á música tradicional galega para volver a aquel estatus que tiña a principios deste século?

-Visibilidade. Parar xerar industria precisamos que se nos vexa e coñeza. Non pode ser que a visibilidade dos músicos galegos esté hoxe en Luar e en Bamboleo. Ten que haber espazos especializados. Estamos nun momento artístico boísimo, seguramente mellor que nunca, pero ningún novo músico se incorporou a aquel estatus que tiveron os músicos daqueles anos. Se te fixas os músicos que hoxe son top seguen a ser os mesmos que hai 20 anos. ¿Por qué? ¿Non xurdiu ningún artista con nada que dicir no folk en todo ese tempo? Claro que sí. O que pasa que a industria non é permeable e o sistema non o propicia. Pouco a pouco algúns imos metendo a cabeza aquí e un pé alá, pero é a base de moitísimo esforzo persoal.