Veloso, na Volta a Madrid «a apretar máis o acelerador»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O vilagarcián do W52-F.C.Porto pon a mira no Gran Premio Jornal de Noticias de finais de mes

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O vilagarcián Gustavo César Veloso parte hoxe cara o centro da Península para tomar mañá a saída na primeira das tres etapas da Volta a Madrid. Será a súa segunda rolda de tres días en dúas semanas, logo de participar nunha Volta a Castela-León na que volveu amosar os réditos do endurecemento do seu traballo de pretempada. Rodando sempre no grupo cabeceiro, para rematar no posto 22 dunha xeral con equipos UCI World Tour a 1 minuto e 12 segundos do gañador, Rubén Plaza, do Israel Cycling Academy.

Despois dun primeiro treito de tempada no que «me dediquei a manter o punto de forma», o vilagarcián do W52-F.C. Porto di acudir a Madrid con intención de «apretar o acelerador un pouquiño máis». Con vistas a dar guerra no Gran Premio Jornal de Noticias, a finais de mes, que este ano conta co puls de ampliar o seu percorrido de cinco a sete días; un test de primeiro nivel para ver o estado do arousán a tres meses do de novo o seu grande obxectivo, a pelexa pola xeral da Volta a Portugal.

A primeira etapa da Volta a Madrid, de 158,1 quilómetros, ofrécelle a Gustavo César a posibilidade de medir o seu rendemento nun final esixente, co Porto de Cotos, de segunda categoría, a a escasos quilómetros da liña de meta en Manzanares El Real. A rolda rematará o domingo con 19 voltas a un circuito urbán pola capital, coa Avenida de la Castellana como punto neurálxico. O nivel de polen no aire, ata agora minimizado pola chuvia, é un factor a despexar por Veloso, alérxico, á hora de calibrar o seu rendemento nos vindeiros tres días.

 

Caída de Ángel Sánchez

O cambadés Ángel Sánchez, compañeiro de Gustavo César no W52-F.C. Porto, recupérase dunha caída na primeira etapa da Volta a Asturias, o pasado venres. Afortunadamente, sen lesións de gravidade.