O Arousa fretará os buses precisos para que os seus afeccionados apoien o equipo na final de Cangas

AROUSA

MARTINA MISER

O club sufragará o custo da viaxe ao campo do Alondras, onde os de Jorge Otero poden materializar a praza na promoción

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A antepenúltima xornada de liga limpou un pouco máis o camiño do Arousa cara ao grande obxectivo do club, o regreso do conxunto arlequinado á fase de ascenso á Segunda División B un cuarto de século despois. É verdade que o Racing Vilalbés volveu superar o equipo de Jorge Otero na clasificación co seu triunfo 2-0 sobre o Silva, con 65 puntos polos 64 do inquilino da Lomba. Tamén que o Alondras se situou a 1 só punto do cadro vilagarcián coa súa polémica vitoria 2-3 na Illa ante o Céltiga, co 1-3 de protestado penalti no minuto 90. Pero a sorprendente derrota do Somozas co Ourense C.F., a segunda consecutiva do colectivo coruñés, permítelle ao Arousa acudir este domingo ao Campo do Morrazo sabendo que gañándolle ao Alondras certificará matematicamente a súa presenza na promoción.

O cadro de Jorge Otero ten na súa man adiantar a final da derradeira xornada de liga á penúltima, cun dous por un conseguindo cun triunfo o premio maior, ao tempo que evita o risco de depender do que faga o conxunto do Morrazo en caso de ser este o que leve o gato á auga o domingo.

Así as cousas, a directiva do Arousa decidiu «poñer un, dous, tres autobuses, os que fagan falta», para todos aqueles afeccionados arlequinados que queiran arroupar o seu equipo fronte ao Alondras. O presidente do club, Manolo Abalo, confirmou que dada a dimensión do que está en xogo, a entidade botará o resto para que «quen non teña medios para ir ao partido saiba que nós llelos facilitaremos». Cun custo cero para os seareiros, «o único que pedimos», subliña Abalo, «é o compromiso da xente, que sexamos serios. Que non mobilicemos 2-3 autobuses e que lle teñamos que dicir o domingo á empresa de transportes que non aparece a xente apuntada».

Os interesados poden anotarse nas oficinas do club anexas ao estadio da Lomba ou chamando ao 986 500 074, de 10 a 12 e de 17 a 19 horas ata mañá venres.

Máis aló da cuestión clasificatoria, coa posibilidade de certificar o pase á fase, o que rematou de convencer a directiva de Abalo de poñer todos os medios precisos para que ningún afeccionado disposto quede o domingo sen poder ir apoiar o Arousa foron os arredor de 1.400 socios e demais simpatizantes do equipo que na tarde do martes actuaron coma ese xogador arlequinado número 12 que pedían desde o corpo técnico e os responsables do club.

A nivel deportivo, Jorge Otero terá que encarar o encontro co Alondras sen un dos seus homes máis en forma e sostén goleador en varias das últimas xornadas, Sylla, que o sábado vía o seu quinto cartón amarelo.