O Rasu xogará polo ascenso en Zamora, co Bera Bera e Benidorm tamén no grupo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A formación meca ocupa o terceiro posto da Primeira Autonómica Galega

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O departamento de competicións e de actividades da Real Federación Española de Balonmán vén de facer pública a distribución dos 24 equipos que do 11 ao 13 de maio pelexarán polas seis prazas de ascenso á División de Honra Prata Feminina española. Entre os aspirantes figura o Meloxeira Rasoeiro, terceiro clasificado da Primeira Autonómica Galega, que accedeu á promoción grazas á renuncia do segundo plantel do Porriño.

O club grovense fora un dos solicitantes dunha das sedes dos seis grupos da fase de ascenso. E se ben a Real Federación Española de Balonmán non elixíu a súa candidatura, o encadre do Rasoeiro no Grupo B, con sede en Zamora, deixou francamente satisfeitos os integrantes da directiva e do plantel mecos. Non en van Vigo á marxe -nesta fase non poden medirse dous representantes dunha mesma comunidade autónoma-, o desprazamento a Zamora antóllase con diferenza o máis económico para a modesta economía do Rasu, xogándose as outras catro prazas de ascenso en Basauri (Euskadi), Pedro Muñoz (Castela-A Mancha), Sevilla e Arrecife (Canarias).

O Bera Bera, histórico do balonmán feminino español, o BM Benidorm e o anfitrión, Raza Sayaguesa Zamora, serán os rivais do Rasu polo ascenso.