Un Barco de grandes velas pero graves problemas de auga na quilla

OPA RACING

MONICA IRAGO

Tras once xornadas no terceiro posto, o equipo ourensán voga en contra lastrado por unha zaga en cadro que non compensa o seu potente ataque

20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo ás seis da tarde o Arousa xogará un partido chamado a marcar diferenzas. No campo do Barco o equipo de Jorge Otero mídese a un dos tres rivais cos que figura empatado a 57 puntos na clasificación da Terceira, cun deles, o Somozas, pechando a zona de promoción de ascenso, cuarto a tan só 3 puntos do terceiro, o Racing Vilalbés. Unha empresa que o Arousa acometerá co seu adversario semanal no peor momento da tempada deixando de lado o seu primeiro mes e medio de campionato.

Un dato reflicte a situación presente do Barco. Tras once xornadas consecutivas vivindo no terceiro posto da táboa clasificatoria, o cadro ourensán cedía o posto de privilexio o pasado domingo tras a súa sorprendente derrota por 3-2 a mans dun Céltiga empeñado en facerse acreedor dunha praza na vindeira edición da Liga de Terceira División. E tirando deste último partido, dous detalles máis para entender o mal estado do vindeiro adversario do Arousa. O 3-0 co que o Céltiga dominaba o partido con tan só 20 minutos de xogo consumidos, con dobrete dun Rubén Márquez que por fin se estreaba como goleador no plantel da Illa e Paco Allo marcando desde o punto de penalti; e a ausencia de trocos por parte do adestrador visitante, ante un banquiño cheo de futbolistas inda en etapa de formación.

Case 3 meses en branco na casa

Dous triunfos, un empate e media ducia de derrotas é o balance do Barco desde o 11 de febreiro. Un intervalo no que asinou once tantos, pero encaixando nada menos cá dezaséis. Certo é, destes, case un de cada tres, cinco, a mans do Bergantiños o pasado día 8 deste mes. Con tres derrotas consecutivas ao lombo recibirá o equipo de Valdeorras o plantel de Jorge Otero este domingo, perdendo os seus duelos con rivais poderosos como o Somozas, 1-2, e o aspirante ao título Bergantiños, 1-5, sufrindo despois o insospeitado pinchazo co Céltiga, no que foron 3 puntos de ouro para o equipo do Salvador Otero, pero tamén para o seu veciño vilagarcián.

A todo o anterior o Barco suma o feito de non ser quen de gañar no seu campo, Calabagueiros, desde que o 28 de xaneiro superara 3-0 o Silva, un candidato á promoción de ascenso ao termo da primeira volta xa descartado. Laracha (0-1) e Boiro (1-2) leváronse, como o Somozas e o Bergantiños, os 3 puntos en xogo do feudo ourensán, no que o líder, Compostela, empatou a uns.

O Barco dispón dun arsenal de xogadores de ataque impresionante. Con Ivi Vales, o seu extremo dereito, máximo goleador do equipo con 12 tantos, polos dez de David Álvarez, e polos seis que levan os puntas Mitogo e Raly Cabral. Aí está tamén o extremo murciano Ñiles. E para facer xogar o equipo, unha estrela, Rubén García, cerebro e motor do Barco cunha década de experiencia en equipos punteiros da Segunda B caso do Oviedo, Salamanca, Racing de Ferrol, Lugo ou Cultural Leonesa.

O problema é que o Barco apostou por moita calidad e a cantidade xusta de efectivos, na súa maioría do Bierzo e con experiencia en categorías superiores. E a mala fortuna cebouse coa súa curta defensa. Comezando polo porteiro Imanol Elias, para moitos o Oblak do grupo galego da Terceira, que a media tempada se mudou a un vestiario de Segunda B, e Deivis, o segundo lateral esquerdo, que unha semana despois do peche do mercado de inverno tivo que marchar a Valladolid por una oferta laboral. Isi, o titular do costado zurdo da zaga, lesionouse nun xeonllo hai dúas semanas e será baixa contra o Arousa, sendo probable que Sito Cruz, lateral dereito, e Omar, central e home capital no eixe defensivo do Barco, repitan este domingo a súa ausencia por lesión da que cinco días atrás se beneficiaba o Céltiga.