Manuel Fontán gaña a praza mundialista no C-1 1.000 Xuvenil

AROUSA

CEDIDA

O padexeiro do Muíño impúxose con autoridade na final da Copa de España, como a catoirense Carla Frieiro no K-1 500 Xuvenil

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Misión cumprida. E con creces. O dobre campión na última edición dos Xogos Olímpicos da Xuventude, Manuel Fontán Señoráns, accedeu onte con facilidade á final da primeira Copa de España de Esprint Olímpico da tempada, impoñéndose cunha brutal autoridade na loita polo título do C-1 1.000 Xuvenil e facéndose con el coa praza española no vindeiro Campionato do Mundo da categoría. Cun crono de 4 minutos, 14 segundos e 627 milésimas e unha cadencia no seu ataque á lámina do encoro asturiano de Trasona imposible de seguir para os seus rivais. Yaque García de la Borbolla (Náutico Sevilla) e Joan Toni Moreno (Port de Pollença) tiveron que conformarse con pelexar entre si polo segundo posto, que o andaluz se levou a 4,117 segundos de Fontán, e por tan só 2 décimas respecto ao terceiro clasificado.

Sen mái praza ca do C-1 1.000 Xuvenil para as seleccións españolas de augas tranquilas en xogo, a catoirense das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro Carril deulle onte a outra gran alegría da mañá ao piragüismo arousán. Como Manuel Fontán, sumando ao seu título de 5.000 no Campionato de España de Inverno o de gañadora da primeira Copa de España da tempada, no caso de Frieiro, no K-1 500 Xuvenil Feminino. Tamén como o padexeiro do Náutico O Muíño, cunha insultante claridade, en 2.02,066, con 2,230 segundos de vantaxe sobre a segunda, Lara Feijoo (Kayak Tudense) e 2,673 respecto a Raquel Torres (Piragüismo Verducido-Pontillón).

A 220 milésimas de segundo quedou o vilagarcián do Breogán do Grove, Diego Romero, de reunir o trío de ases. Pero o canoísta do Poio-Conservas Pescamar Adrián Sieiro lle gañou a partida nos derradeiros dez metros da final do C-1 1.000 Sénior, logo de que Romero dominase a práctica totalidade dos 990 anteriores. Sergio Vallejo (Poio) foi terceiro a 2,687 do seu compañeiro de club.

María Pérez Aragunde, do Náutico O Muíño, foi tamén segunda, no C-1 500 Xuvenil, a 1,350 segundos da campioa María de la Peña (E.P. Ciudad de Pontevedra).