Veloso gaña a crono da Volta ao Alentejo confirmando o seu fino estado de forma

AROUSA

Paulo Maria

O arousán está convencido de que de non caer na segunda etapa, tería levado a xeral

20 mar 2018 . Actualizado a las 11:51 h.

Gustavo César Veloso completou o domingo a súa participación na 36ª. Volta ao Alentejo co seu primeiro triunfo da tempada. Unha vitoria asinada o día antes no segundo sector da cuarta e penúltima etapa dunha das rondas lusas con maior tradición e nivel do calendario portugués. Impoñéndose na contrarreloxio individual, tan curta, 8,4 quilómetros, coma dura. Ata o punto de que o vilagarcián optou por prescindir da bicicleta específica para cubrir a loita contra o reloxio en Castelo da Vide subido nunha montura para etapas en línea dado o trazado radical de subida e de baixada que presentaba. Trece minutos e 29 segundos empregou o corredor do W52-F.C. Porto en cubrir os 8,4 quilómetros, 8 segundos menos có seu compañeiro de escadra, José Fernandes, e que Óscar Rodríguez, do Euskadi/Murias.

«Se non fose pola caída da segunda etapa, tería gañado a Volta» declaraba onte Veloso, duodécimo na clasificación final a 4.11 do vencedor, Luís Mendoça (Louletano). E é que o arousán foi en todo momento na cabeceira do pelotón os cinco días de rodaxe no Alentejo. Un traballo de moita esixencia que polo xeral soe resgardar a quen o fai de episodios como o que o pasado xoves remataba co cambio da súa bicicleta roto tras chocar con el o seu compañeiro e pupilo cambadés no W52, Ángel Sánchez. Gustavo lembra que «faltaban quince quilómetros para a meta, e un compañeiro noso e un Efapel tiveron un percance diante cando tirabamos do pelotón para protexernos do vento e dun posible abano. Houbo un bandazo, engancharon a bici de Ángel, que foi o primeiro en caer, e el, que estaba ao meu carón, deume a min». Veloso perdeu o ronsel do pelotón, entrando a algo máis de 4 minutos na meta vendo esfumarse as súas opcións na xeral.

 

Ángel, do Top Ten ao abandono

O cambadés foi o peor parado. Máis aló de sufrir queimaduras, unha gastroenterite cebouse nel esa noite, sendo a verdadeira causa que o levou a non tomar a saída ao día seguinte. Unha mágoa, por canto, explica o seu xefe de filas, «Ángel tamén estaba en disposición de rematar entre os dez primeiros na xeral» no Alentejo.

O primeiro triunfo da tempada do de Bamio chega moito antes do que vén sendo habitual na súa traxectoria, e é o froito dos seus cambios na súa preparación física e alimenticia nunha pretempada máis longa do habitual nel. «Estás adestrando todo o tempo con chuvia, con vento e con frío, privándote nas comidas, e verte adiante a estas altura dache a tranquilidade de comprobar que acertaches», di Veloso; «agardo de aquí en adiante ir andando cada vez un pouquiño máis». E seguir dando mostras de forza, como no primeiro sector do sábado, cando peneirou o grupo cabeceiro do pelotón no último porto traballando para o seu compañeiro Ricardo Mestre, segundo na xeral.

Unha clásica, Beiras e Serra da Estrela, e Volta a Castela-León

Ángel Sánchez volverá a correr probablemente este domingo, na Clássica Aldeias do Xisto - Troféu Liberty Seguros, a primeira das tres vindeiras carreiras confirmadas no calendario de Veloso. O G.P. Internacional Beiras e Serra da Estrela, do 13 ao 15 de abril, será a antesala da participación do vilagarcián na Volta a Castela-León, do 20 ao 22 do vindeiro mes.