«A escola non é o factor que máis influé para que os nenos falen galego»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

AROUSA

SANDRA ALONSO

Esta profesora comprobou nun estudo como os nenos galegofalantes con profesores castelánfalantes abandonan a lingua materna

09 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega alertaba hai pouco, nunha investigación levada a cabo polo seu seminario de Sociolingüística, dunha «ruptura da transmisión interxeracional e uns usos decrecentes do galego por parte da poboación máis nova, especialmente en contextos urbanos e periurbanos». Aínda que sinalaba que as competencias bilingües da poboación teñen mellorado entre 1992 e 2016, anos nos que se realizou o estudo a través de enquisas. E foi a través de enquisas tamén como Nuria Díaz, monfortina residente en Santiago, chegou á conclusión de que o galego está cada vez máis nas marxes.

«Aínda que a lingua do profesorado non é determinante á hora de que un neno empregue ese idioma no seu día a día, si o é para que adopte unha boa actitude ante o idioma», explica esta profesora que estudou Maxisterio Infantil. «Eu sempre fun galegofalante na casa pero cando chegaba á escola falaba castelán. E non era porque sentise que fora un idioma inferior ou tivera vergoña, pero si notaba presión ao darme conta de que todos falaban en castelán», lembra.

Nuria, que agora prepara as oposicións, levou a cabo unha investigación para coñecer que factores determinan nos máis pequenos o idioma que empregan como materno. «A idea xurdiu a partires dunha situación que vin nun colexio no que unha mestra daba clases aos alumnos en galego e outra, do mesmo curso, en castelán. Non puiden evitar preguntarme que pasaría con eses nenos no futuro e se afectaba ao seu desenvolvemento empregar unha lingua ou outra», sinala.

Un estudo con dez alumnos

Dentro dos dez alumnos escollidos de dúas aulas, nas que se impartía docencia en diferente idioma, había nenos galegofalantes e nenos castelanfalantes. «O alumno que falaba en galego coa mestra que explicaba en galego aínda así perdeu o idioma ao final do curso e falaba en castelán», subliña a autora da investigación con certo pesar.

«O alumno galegofalante cuxa mestra explicaba en castelán abandonaba totalmente a súa lingua materna e mostraba unha especie de rexeitamento cara a mesma. E con rexeitamento refírome a que moitas veces non recoñecía a lingua na que ao principio do curso desenvolvíase á perfección», destaca sobre os resultados que obtivo. Por outra banda, aqueles cativos que empregaban o castelán non viron minguadas as súas capacidades para expresarse no idioma maioritario aínda naqueles casos nos que a súa mestra falaba en galego, tal como amosan os resultados.

Cos datos nas mans, Nuria sacou varias conclusións: «A promoción da lingua galega segue a ser un labor moi complicado entre o alumnado en idade infantil e a falta de medios en galego é un factor que xoga moi en contra dos pequenos. Hai moitas nais que mantiñan que os dispositivos móbiles, os contos ou os debuxos están, na súa maioría, en castelán e hai moita máis variedade para sentar unhas boas bases en castelán. E por outra banda, a escola non é o factor que máis inflúe neles porque están moi expostos á televisión e aos dispositivos dixitais cuxa influencia é inmensa. Ademais, prefiren falar a lingua que falan os seus iguais que a que falan os mestres».