Antón Paz guía a súa parella nipona ao Mundial

Adestrados polo vilagarcián, Wakako e Takaaki clasifícanse no selectivo nacional


vilagarcía / la voz

Era a primeira vez que competían, e inda que distan dos mínimos de competitividade requeridos para instalarse na elite da súa clase, o Nacra 17 de Kajimoto Wakako e de Kawada Takaaki pode dar por bos os tres primeiros meses de adestramentos baixo a dirección do vilagarcián Antón Paz. O pasado luns, tras catro xornadas de loita no mar, o dúo nipón conseguía unha praza no Mundial de agosto en Aarhus, Dinamarca. Cun segundo posto no selectivo que a federación de vela do seu país organizou para facer o peneirado da súa representación nunha cita de primeiro nivel, por canto porá en xogo os primeiros pasaportes da vela para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

Sendo o país anfitrión dos Xogos, Xapón non prevía enviar ao Mundial máis có gañador do selectivo. Recén chegado de regreso do país do sol nacente, Antón Paz entende que «na Federación viron o alto nivel de implicación das súas dúas mellores tripulacións, e a igualdade das dúas parellas». Proba disto é o empate que as dúas embarcacións de cabeceira mantiñan no paso do ecuador do selectivo, tras a celebración da cuarta manga das sete completadas.

Deste xeito, sen a presión do resto dos países por conseguir praza para Tokio 2020, os pupilos do arousán gañan unha oportunidade única para adquirir experiencia. Co lastre de partir dun país no que, conta Paz, «non hai moita tradición de catamaráns». Por iso, sinala que a Wakako e a Takaaki, que apenas levaban xuntos no Nacra 17 antes de poñerse nas mans do galego en novembro, lles farán falla «ano ou ano e medio para ver o seu potencial».

Con 52 días de adestramentos ás costas, incluídos os doce que Antón Paz dirixíu en Xapón xusto antes do selectivo para o Mundial, o vindeiro paso do trío galego-nipón será o Trofeo Princesa Sofía de Palma. O día 23 concentraránse para aproveitar o campionato, a primeira semana de abril, no que o obxectivo será «pasar moitas, moitas horas na auga», adianta o vilagarcián.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Antón Paz guía a súa parella nipona ao Mundial