Mónica Touriño supérase a si mesma e completa un repóker sen parangón

A mellor canicróser da historia en España asina un novo fito acadando un pleno de cinco títulos na mesma tempada coa conquista do Nacional sobre Neve

.

vilagarcía / la voz

Campioa de España de Mushing sobre Neve en canicrós feminino xunto con Nepal. A catoirense Mónica Touriño Ferreirós rachou dun só golpe varias fronteiras na brillante carreira da mellor canicróser española de todos os tempos. Conquistando o seu primeiro título nun medio que, por razóns meteorolóxicas, lles resulta estraño ao seu compañeiro canino e á presidenta do Kennel Den. E gañando todas e cada unha das carreiras que disputou este curso en España, facéndose por primeira vez cun descomunal repóker. Sendo quen de reunir por primeira vez na mesma tempada a Liga -ten o título asegurado a falta da última proba- e o Campionato de Galicia, e a Copa e o Campionato de España sobre Terra, ademais do seu último éxito nas pistas de Baqueira Beret a pasada fin de semana.

Logo de rozar o póker no exercicio 2013/14 -faltoulle o Camponato de España, segunda, para o pleno sobre terra- e de coquetear con erguer os cinco dedos dunha man un ano atrás -rematou subcampioa na Liga Galega e bronce no Nacional sobre Neve-, Touriño vive aos seus 43 anos o seu mellor momento nas nove campañas que leva gozando dun deporte que entrou na súa vida por casualidade, cando o seu home, Anxo, a agasallaba un Nadal cunha ficha, cunha lincenza federativa e co seu primeiro arnés de competición. Desde entón e ata hoxe, 23 títulos galegos e de España, todos agás o último sobre terra, 27 podios nas clasificación xerais, catro participacións en Campionatos de Europa e unha nun Mundial, o que disputou o pasado mes de novembro quedándose ás portas do podio, cuarta.

 

«Non podo pedir nada máis»

«Foi unha tempada formidable. Non podo pedir nada máis!», comentaba onte Mónica Touriño, consciente da transcendencia do conquistado. Sobre todo, en tanto lembra que «o Campionato de España sobre Neve non entraba nos meus plans de competición, debido a que nunca me sentín cómoda correndo pola dificultade do terreo, e pola altura de case 2.000 metros en Baqueira Beret. Sempre que vou é por obriga cara aos meus compañeiros, sobre todo cos que compiten cos meus cans. Só fun tres veces ao Nacional sobre Neve».

A dureza dunha proba destas características para unha deportista das condicións de Touriño endurecíase ao estrear o club un trineo, o que lle fixo sentir na obriga de disputar a modalidade,mermada na primeira xornada para a proba de canicrós. Por iso, «teño que agradecerlle aos meus compañeiros que me deixaran preparado a Nepal e mo tiveran esperando na saída, se non non podería ter feito as dúas probas», conta, e completar un repóker histórico.

Con máis de 4 minutos de vantaxe sobre as súas inmediatas perseguidoras ao final do primeiro día, Mónica e Nepal deixaron a subcampioa, Laura Álvarez, e o seu can a 7.25 tras a segunda e última xornada dun Campionato no que todas as canicrósers eran madrileñas e catalanas agás a vikinga.

Touriño, que sumou a alegría polo título en Baqueira Beret do seu compañeiro, adestrador e amigo Óscar Piñeiro, salientou o papel de Nepal, e a súa capacidade para adaptar a velocidade da terra á dificultade do avance sobre a neve.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Mónica Touriño supérase a si mesma e completa un repóker sen parangón