O filial do filial medirá a capacidade do Arousa para o 12+1

AROUSA

MONICA IRAGO

Cun convenio co Dépor, pragado de exxuvenís herculinos e antigos fabrilistas, o Laracha xogará na Lomba co seu terceiro técnico este curso

23 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa buscará o domingo na Lomba (17 horas) o 12+1. O conxunto que dirixe Jorge Otero pelexará por ampliar a trece as súas xornadas consecutivas en positivo tras seis vitorias e outros tantos empates. Unha tendencia que lle permitíu recurtar de 9 a 2 os seus puntos de desvantaxe co cuarto clasificado, ou o que é o mesmo, coa zona de acceso á promoción a Segunda B. Chegar a lucir ese 12+1 pasa por solventar con éxito, con tres puntos mellor ca cun, o seu compromiso da vixésimo sétima xornada de Liga fronte a un dos equipos máis peculiares esta tempada no grupo galego da Terceira División.

Filial do filial. É esta quizais a definición que mellor sintetiza o fondo e a forma do Laracha. Un club que buscou blindar o seu retorno á categoría o pasado verán cun acordo co Deportivo da Coruña que tinguíu de azulón e de branco a esencia do plantel que o domingo porá a proba o mellor equipo do momento na Liga.

Ata dez xogadores procedentes do primeiro plantel xuvenil do club herculino ou ex do seu filial oficial, o Fabril, visten hoxe a camisola do Laracha, complementando o núcleo duro do colectivo que conseguía o ascenso desde a Preferente Norte a pasada campaña. Do equipo canteirán chegaron Chema, porteiro que vén disputando todos os minutos no que vai de tempada, Víctor Eimil, lateral esquerdo e único futbolista inda en etapa de formación da nómina, movido ao Laracha polo excedente do xogadores na súa posición no Dépor xuvenil, Iago Novo, dianteiro de segunda liña que soe actuar como home de refresco, o maliano Kanouté, prototipo de mediocentro defensivo africano e contratado na mesma academia de Catar copropietaria da Cultural Leonesa que colocaba o gardamallas nixeriano Francis no Fabril; e Adri Castro, o extremo considerado como a xoia da coroa da última xeración de canteiráns do Dépor, cun excelente manexo do balón e tamén con gol.

Ademais deste quinteto, o club herculino axudoulle ao Laracha á contratación doutros tantos futbolistas con pasado inmediato ou máis ou menos recente no seu filial oficial: Álex Sánchez, mediocentro creativo procedente do Bergantiños, Alvarito, extremo chegado do Silva, Ángel Fernández, xogador polivalente incorporado do Fabril, e David García, mediocentro creativo con pasado no Bergantiños, Pontevedra e Vilalbés, e único da órbita do Dépor que superou a etapa Sub-23. Nesta última atopamos tamén o mediocentro defensivo Moure, a gran fichaxe do Laracha no mercado de inverno procedente dun Noia ao que chegaba do Silva, onde no seu primeiro ano sénior se convertera nun dos xogadores revelación da pasada Liga da Terceira.

As fichaxes estivais de homes de renome coma Javi Angeriz e Juan, do Cerceda, ou o 9 Javi Ballesteros, do Barco, semellan de difícil consecución para un modesto como o Laracha de non ter asinado o seu convenio co Dépor, que lle permite ao seu filial tirar daqueles futbolistas do Terceira que estime oportunos cando o precise.

A conexión Laracha-Dépor chegou ao seu apoxeo a comezos de xaneiro cando a saída de Josito, alimentando o comentario rexoubado da intromisión desde A Coruña na xestión deportiva do equipo de Terceira que xa se escotoitara na marcha voluntaria de Chollas, deu pé á entrada de Javi Álvarez como terceiro adestrador do Laracha esta tempada, pasando a compaxinar este o cargo co de traballador do equipo de captación de talentos para a canteira do Dépor

O novo troco de adestrador cambiou a traxectoria coruñesa

Javi Álvarez recibíu o Laracha na decimoquinta posición, e nunha traxectoria descendente, que incluía seis derrotas consecutivas. O equipo inda foi a peor antes de recuperarse. Caendo á decimoitava praza na xornada 23, na única ocasión na que apareceu en zona de descenso directo no que vai de campaña. No último mes dous triunfos de renome ante o Somozas, 2-1, e fronte ao Barco, 0-1, e outros tantos empates, no campo do Cultural Areas, 1-1, e a semana pasada recibindo o Céltiga, 0-0, permitíronlle ao Laracha comezar a respirar.

Un cambio de traxectoria ao que axudou a aposta de Javi Álvarez por sacrificar creatividade en favor de máis músculo na medular, acompañando a Kanouté de Moure en detrimento da titularidade de Álex Sánchez.