Veloso afina o seu corpo ao nivel do ano do seu triunfo na Volta a Cataluña

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Cun cambio de preparación e cunha estrita dieta, arrinca o curso na Volta ao Algarve con 72 quilos, tres menos do habitual. O obxectivo, elevar o seu rendemento do 2017

14 feb 2018 . Actualizado a las 14:17 h.

Unha pájara na penúltima etapa da Volta a Portugal privaba en agosto do 2017 a Gustavo César Veloso de poder tomar un día despois a saída da contrarreloxio individual da Grandíssima en disposición de pelexarlle a vitoria da xeral ao seu compañeiro de filas no W52-F.C. Porto Raúl Alarcón. Nada lle garante a un ciclista unha blindaxe ao 100 % fronte ao máis temido dos episodios bioquímicos en carreira, que baleira a súa vítima sen posibilidade de rebelión física nin mental. Con todo, despois do que ten sido o maior golpe sobre o sillín encaixado na súa longa e brillante carreira, e vendo tamén como as circunstancias e o empuxe de Alarcón o privarán do dorsal 1 na vindeira edición da Volta a Portugal, Gustavo César dedicou a parte máis dura do curso 2018 a reinventarse. Trasladando o castigo concentrado da pelexa sobre o asfalto cos rivais á crueza da ingrata e sufrida posta a punto na longa pretempada.

 

Con 72 quilos, arredor de tres menos do que soe ser habitual nel no inicio de curso, toma hoxe Gustavo César Veloso a saída na primeira das cinco etapas da Volta ao Algarve. A primeira gran cita do calendario luso, coa práctica totalidade das escadras WorldTour, trece, e a participación de estrelas do nivel do australiano Richie Porte (BMC Racing Team). O arousán arrinca nun nivel de afinación física tan só comparable na súa traxectoria á que lucía no 2008, ano no que, nas filas do Xacobeo Galicia, conseguía o maior éxito da súa carreira, a vitoria da xeral da Volta a Cataluña.

Fronte ás últimas tempadas, nas que enfocaba todo o seu traballo para un único pico de forma coincidindo coa Volta a Portugal, no 2018 o corredor do W52-F.C. Porto deseñou a súa preparación sobre a premisa de dispor de dúas grandes fases ao longo do curso. O primeiro de finais de marzo ata maio, de xeito que «agardo empezar a estar diante nas carreiras dentro dun mes, cando normalmente non o facía ata mediados de tempada», dicía onte Veloso desde Portugal. E en agosto, outro pico de forma para a Grandíssima, á que confía en chegar «no meu mellor peso», entre os 68,5 e os 69 quilos, con maior antelación cas edicións anteriores.

Dous foron os piares sobre os que Gustavo César sustentou a súa afinación este curso. O primeiro, o endurecemento da dieta, «sen descoidarme ningún día», salienta. Normalmente, despois dunha tempada tan curta como a lusa, con final de facto tras a Volta a Portugal a mediados de agosto, «tras tres meses de coidarte moito colles 3-4 quilos pronto, vas con calma, chega o Nadal... e para min o normal era rematar con 7-8 quilos máis có final da última tempada», explica o de Bamio. Nesta ocasión impúxose unha disciplina espartana na preparación alimentaria, que probablemente lle tería reportado inda maiores réditos noutras latitudes, nas que o frío e a choiva de Galicia non lle obrigasen ao corpo do deportista a dispoñer dun mínimo maior de calorías no seu organismo para o duro adestramento a ceo aberto.

O outro piar que fixo chegar a Veloso con 72 quilos a este inicio de curso é o cambio no seu réxime de preparación física, dándolle maior protagonismo á bicicleta desde o primeiro día do que soía ter nos últimos anos.

Neste capítulo, o gañador da etapa de Xorret de Catí da Volta a España 2009 conta que no seu primeiro mes de posta a punto elevou de 10 a 14 as horas semanais que viña facendo en bicicleta en tempadas anteriores, mantendo as 3 de natación en piscina e a 1,5 de carreira a pé. Con todo, a verdadeira volta de torca chegou no segundo mes de pretempada, no que Veloso reducíu á metade o traballo na auga e en 30 minutos o trote, pasando das 14 horas doutros anos sobre a súa montura a 16-18 á semana. A mediados de decembro abandonou a piscina, e tras concentrar o seu adestramento no Nadal na bicicleta, con 50 horas na estrada, a carreira a pé ocupa desde xaneiro xa só de 15 a 20 minutos cada dous días, «só para o fortalecemento das articulacións fronte ás lesións», comenta o vilagarcián. Golpeado polo infortunio o ano pasado, Gustavo reinvéntase a si mesmo desde o sacrificio para volver ao máis alto.

ciclismo

A Grandíssima de novo na mira, pero non coma obriga

Veloso descoñece cal será o seu calendario máis aló da Volta ao Algarve que concluirá o domingo. Só que a súa intención é «estar ben ata maio, parar unha semana para recuperar un pouco, e volver a adestrar con vistas á Volta a Portugal». Por non saber, nin sabe como distribuirá o traballo en altura incluído desde hai anos na súa rutina anual, toda vez que ao enfocar a súa preparación cara dous picos de forma debería de programar unha inédita concentración en montaña a comezos da primavera.

Ambas cuestións, calendario e preparación en altura, quere deixar enfocadas o vilagarcián durante esta semana nunha xuntanza de traballo co seu director deportivo, Nuno Ribeiro. «Eu teño os meus obxectivos persoais, pero por enriba deles están os do equipo», subliñaba onte Gustavo César na véspera da súa primeira cita de nivel da tempada, tras correr o 4 de febreiro a Prova de Abertura, carreira dun día en Aveiro, na que o seu hoxe xefe de filas, Raúl Alarcón, perdeu o coñecemento por un golpe na cabeza nunha caída masiva na que sufríu tamén un hematoma no ombreiro esquerdo dos que estaría practicamente recuperado.

O vilagarcián encara o 2018 cunha mentalidade moi distinta á do lustro anterior: «Este ano vou ir máis día a día. Comezar o ano mellor, verme diante nas carreiras o antes posible, para tentar conseguir vitorias neste primeiro pico de forma». E despois, «chegar á Volta a Portugal nas mellores condicións posibles. Gustaríame gañar a terceira» Grandíssima, recoñece, pero sen presión.

Ao respecto, Veloso afirma que «este ano non quero centrar todo na Volta, que tentar gañala non marque todo o demais». Asumindo que de partida «o xefe de filas é Raúl Alarcón» tras o triunfo no 2017, e que «o máis importante é que gañe o equipo». Logo será a estrada a que dite xerarquías.