«O estudo socioeconómico da mina de Touro non é malo, é peor»

Susana Luaña Louzao
s. luaña SANTIAGO / LA VOZ

AROUSA

SANDRA ALONSO

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural alerta que a mina a ceo aberto obrigaría a facer seis voaduras diarias

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dun milleiro de alegacións se presentaron ao proxecto de reactivación da mina de Touro; entre elas, a da Sociedade Galega de Historia Natural, que foi utilizada por colectivos como os do sector do mar de Arousa, que denuncian a posible contaminación do Ulla e da ría.

-En que se basean?

-É unha mina a ceo aberto para aproveitar cobre a maior escala que a que había antes. Haberá que facer seis voaduras diarias e, como mínimo, supón unha molestia para a veciñanza e o gando. As rochas son trituradas e mesturadas con produtos químicos e non son inofensivos. Iso xera dous tipos de residuos, o estéril da rocha e restos de cobre e de sulfuros que en contacto co osíxeno é ácido sulfúrico. Queren facer dúas grandes balsas de lodos nun dique de 3,2 quilómetros e 80 metros de altura, como a catedral de Santiago, e desviar un rego. Esas balsas poden rachar e hai un pobo a 200 metros do dique; o risco de morte sería elevado en Arinteiro. O estudo de impacto ambiental nin sequera especifica a concentración de metais pesados que vai ter.

-Pero a empresa presentou os seus informes, non?

-O estudo socioeconómico non é malo, é peor. Magnifica os postos de traballo e subestima a importancia do sector primario. Está cheo de datos incompletos e erróneos. E había un castro, o da Copa, que sobreviviu a 15 anos coa antiga mina, e foi destruído cunha repoboación de eucaliptos. E iso coincide no tempo co incremento do prezo do cobre e a solicitude de reactivación da explotación. Ademais das alegacións a Industria, pedimos a Cultura que avaliase a situación do castro e o que aconteceu con el.