Javi Pazos e Julio Rey consolídanse na selección galega

AROUSA

CEDIDA

Pichi Lucas volve contar cos arlequinados na antesala da semifinal da Copa das Rexións UEFA

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O cambio de ano non variou os plans do seleccionador galego de fútbol afeccionado masculino. Pichi Lucas desprázase na tarde de hoxe con 23 xogadores ao Campo Federativo de Coia, Vigo, para medirse a partir das seis ao plantel de Segunda B do Coruxo en partido de preparación para a semifinal española da Copa das Rexións UEFA. Unha eliminatoria por sistema de duelo a dobre volta frente a Valencia, coa ida fixada para o día 31 deste mes en campo galaico -a previsión da Real Federación Galega de Fútbol é dar a coñecer a sede hoxe-, e a volta o 14 de febreiro en terras levantinas. E dicimos que cambia o ano, pero non os plans de Pichi Lucas, porque o seleccionador mantén a súa aposta polo mesmo grupo de xogadores cos que foi modelando un equipo quen de superar a primeira fase da Copa das Rexións UEFA na Ponte da Constitución. Gañándolle 3-1 ao anfitrión, Asturias, e pasando o corte pola diferenza de goles pese a perder despois con Cantabria 1-0.

Nesa cita, coma no groso dos partidos de preparación fronte ao Coruxo, ao Racing Ferrol e ao Cerceda, Pichi Lucas contou con dous dos puntais do Arousa de Jorge Otero. Javi Pazos, pichichi do grupo galego da Terceira, e un dos principais responsables do pase ás semifinais de Galicia cos seus dous tantos a Asturias, e Julio Rey. Ambos gozaron na primeira fase de cadansúa titularidade xogando os dous encontros; e ambos figuran na convocatoria de hoxe ante o Coruxo.

Manolo Abalo: «A nivel de fútbol o Arousa é o mellor equipo da Liga»

 

 

O décimo empate en vinte partidos o domingo impedíulle ao Arousa recurtar a distancia de sete puntos coa que pechara o 2017 e a primeira volta da Liga respecto á zona de promoción. O presidente do club, Manolo Abalo, non agocha certo desencanto, pero mantén a súa constante confianza nas posibilidades do plantel vilagarcián. Sobre todo, cando entende que «a nivel de fútbol o Arousa é o mellor equipo da Liga. Non vin ningún mellor no manexo do balón», quitando o «Ribadumia, que mereceu gañarnos» no seu paso pola Lomba.

Para o mandatario arlequinado «o equipo está a dar a talla, fáltanos un pouquiño máis de sorte, e de contundencia arriba; cústanos moitísimo rematar os partidos». Con todo, «confío en remontar na segunda volta, e estar entre os catro primeiros ao final do campionato, porque en fútbol non nos gaña ninguén», di. Que a maioría dos principais rivais do Arousa teñan que pasar inda pola Lomba reforza a súa convicción.