O Arousa perde a Anxo un mínimo de quince días, e o Céltiga a Eloy por un mes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Los dos jugadores se lesionaron el pasado domingo en el derbi de A Illa

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A dureza e a intensidade física expostas o domingo no Salvador Otero polo Céltiga e polo Arousa custáronlles, tal e como se temía, a entrada na enfermería dos dous futbolistas que tiveron que saír do campo con axuda e antes de tempo.

Á espera dunha ecografía que determine a lesión do arlequinado Anxo, é o Céltiga o maior damnificado. Eloy deberá permanecer de 3 a 4 semanas de repouso absoluto, logo de ter recibido un forte impacto dun xeonllo na zona do bazo. «Pasou a noite en observación no Hospital do Salnés», relataba onte o seu adestrador, Manolo Núñez. «Fixéronlle probas, e inda que non se aprezou nada, Eloy segue a ter moita dor. Os médicos mandárono a casa hoxe -por onte-, pero debe curar ben a zona, porque outro golpe antes de tempo pode dar lugar a un problema maior», sinala o técnico. Núñez atópase con Uru e con Nico coma únicos xogadores específicos de banda, posto para o que xa pensaba un dos tres reforzos que lle pedíu á directiva.

No caso de Anxo, o primeiro diagnóstico apunta a unha luxación do ombreiro dereito, cun mínimo de quince días de parón, pero onte no Arousa non descartaban unha lesión maior. Un golpe para un futbolista que comezaba a entrar no grupo tras a súa longa lesión de pretempada.