«O machismo non existiu sempre; nace coa invención do arado hai 3.500 anos»
AROUSA
A violencia xeral e a mercantilización do sexo son, en opinión do antropólogo Mariño Ferro, factores moi graves que xogan en contra da muller
18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Ramón Mariño Ferro (Castrofeito, O Pino, 1950) estudou en profundidade a simboloxía que na sociedade occidental rodea a muller e o home. Froito dese traballo é Imágenes de la mujer y del hombre; símbolos de sexo, seducción, matrimonio y género, unha obra enciclopédica que Ediciones Tea publicou o ano pasado. Unha das ilustracións que acompaña o libro recrea a pintura Caída de Adán, de Hugo van der Goes. «¿Velo? Aquí aparece unha serpe feminizada, que ao mesmo tempo é o demo. É tremendo, é unha das imaxes máis machistas que se poidan imaxinar. E hai centos delas. Na propia Capela Sextina, da man de Miguel Anxo. É o que eu denomino híbrido misóxino. Terrible».
-A Igrexa é misóxina.
-Ben, a misoxinia non a inventou a Igrexa católica, aínda que a mantivo. Na Grecia clásica eran mesmo máis machistas. Aristóteles sitúa a muller entre os escravos. Algo tremebundo. A muller en Grecia estaba pechada na casa, non saía nunca. Ás veces imaxinamos que iso só sucede no mundo musulmán, pero na nosa suposta tradición racional a muller tiña unha situación ben difícil.
-No berce da nosa civilización.
-Claro, por iso é importante ver en que sociedades se dá o machismo. Xurde nas sociedades de agricultores e gandeiros coa invención do arado, non antes. Antes do arado a agricultura está en mans das mulleres. Elas eran quen máis aportaban á economía familiar, máis que o home coa caza. Había igualdade. Na nosa especie, dende hai 200.000 anos ata hai 3.500, cando se inventa o arado, as mulleres estaban nunha situación de igualdade.
-Moitas veces semella que é algo innato á especie humana. Que existise dende sempre.
-A comparación con outras culturas é importantísima, porque demostra que iso non é verdade. Na sociedade de cazadores non existe o machismo. Sempre imaxinamos África moi machista. Pero resulta que entre os cazadores recolectores, estou pensando na tribo dos akan, o home é cariñoso, atende tanto os nenos como a muller, non se coñecen episodios de violencia machista, non existe. O que demostra que obramos como aprendemos. O ser humano distínguese porque amosa moi poucos comportamentos instintivos. O machismo, dende logo, non existiu sempre.
-¿Por que o arado? ¿Porque esixe máis forza física?
-Iso é. Implica unha certa forza física e, por primeira vez, o home encárgase da agricultura, que antes era cousa de mulleres e consistía basicamente na recolección. O arado supón un progreso técnico enorme, que coincide co nacemento das cidades e dos primeiros estados. Pero para a situación da muller é algo tráxico. Xorden as loitas polas terras produtivas, o home aprende a violencia e a ser guerreiro. Estes dous factores xuntos, a propiedade en mans dos homes e o nacemento da guerra, son funestos para a muller. Este factor, o da violencia, debería ser tido moi en conta polo feminismo.
-Falamos do seu nacemento, pero ¿ve vostede factible erradicar o machismo?
-O que falamos da evolución das sociedades de cazadores son datos admitidos hoxe por todos os antropólogos. Eu estudo a tradición, non a sociedade actual, así que e o que vou dicir agora é unha opinión persoal. Vivimos nunha sociedade moi violenta, que tende a solucionar os problemas de xeito violento. Pero ademais, o capitalismo, coma sempre tan sabio, está convencendo as mulleres de que venderse é ser modernas. O uso da muller como obxecto sexual, como unha mercancía, a súa valoración non como persoa con todas as súas facetas, senón unicamente polo seu aspecto sexual, é outro fenómeno que fai moi difícil erradicar a violencia machista e superar a desigualdade. Sen cambiar esas condicións, dificilmente cambiará nada.
-É unha conclusión brutal.
-Como a sociedade na que vivimos, especialista en crear marxinados sen importarlle discriminar a boa parte da súa poboación.
«A Igrexa mantivo pero non inventou
a misoxinia; na Grecia clásica eran máis machistas»
«Nin en Galicia nin en ningún outro lugar existe o matriarcado»
Ao falar da sociedade tradicional galega, que Mariño Ferro coñece ben, non é estraño que saia a relucir a figura do matriarcado. O antropólogo racha os tópicos.
-¿Existiu ou existe en realidade ese célebre matriarcado?
-Entendido como matriarcado, no sentido estrito do dominio das mulleres, nun existiu nunca, nin en Galicia nin en ningún lugar. Así como o patriarcado si, dende que hai agricultura e gandería no senso no que antes falamos. O que si existía nas sociedades de cazadores recolectores, como tamén falamos, é unha igualdade. Dende logo, na Galicia tradicional non existe tal matriarcado, o que se dá son variantes.
-¿Por exemplo?
-Na zona interior de Galicia, a propiedade agrícola correspondíalle ao home. Era o home o que herdaba e a muller ía de prestado. Os contos describen a muller como a criada que entra na casa do rei. Na costa, en troques, a situación é mellor para a muller, porque é ela quen herda a casa e as terras, e cando casa, é o home o que vai para a casa da muller e convive cos seus sogros. Vemos aquí como a cultura popular foi moi sabia, porque os mariñeiros podían botar moito tempo fóra. Se lle chamas matriarcado a encargarse da casa e dos fillos... Pero non parece que sexa iso, ¿non?