O Céltiga xoga co marcador para gañar o partido da educación dos pais da súa base

AROUSA

Mónica Irago

O club da Illa deixará de informar dos resultados con máis de 6 goles de diferenza, un ano despois de aprobar un réxime interno que inclúe tamén aos proxenitores

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As goleadas de escándalo non deixarán de producirse no fútbol base. Pero no Céltiga F.C. si deixarán de recibir o eco das contas nas redes sociais xestionadas polo club. Tanto se a moeda cae de cara, coma se o fai de cruz. A xunta directiva da entidade que preside Juan Ramón Rial deu luz verde a unha nova iniciativa do desde a pasada tempada coordinador do club, o vilanovés Luis Carro, trasladada onte a todos os integrantes da sociedade deportiva cun comunicado no que se fai saber que «nas canles habituais de información dos resultados dos equipos das nosas categorías base -desde alevín fútbol 8 á dos rapaces máis novos- non se publicará ningún resultado, nin a favor nin en contra, que supere os 6 goles de deferenza entre os dous equipos». E isto, aclárase, porque «consideramos que non ten importancia calquera tipo de resultado que supere esa diferenza de goles, máis aló de quen gañe ou perda, ou de que por suposto teñan gozado os nosos rapaces».

Preguntado pola medida, Luis Carro abundou na súa motivación. «Nós cremos que hai resultados que de publicalos, fan máis dano ca outra cousa. Un 10-0, un 11-0. Publicar este tipo de resultados... non sei como cualificalo» cando se está a falar de rapaces de non máis de 11 anos. Sobre todo porque, subliña, «no fútbol 8 hai máis goles cás nas categorías que veñen despois». De aí que «un 2-6 non sexa un marcador esaxerado», e se fixara en 6 o límite para non publicitar resultados desde o inminente inicio da nova tempada de competición nestas categorías máis novas. «A finalidade é que non se lles dea tanta importancia aos resultados. Isto é un xogo. O resultado no fútbol base debe formar parte da formación, non ser o obxectivo en si», salienta Carro.

O vilanovés comenta que «esta era unha idea que barallei xa a tempada pasada, e vendo resultados de pretempada que non me gustaron, propúxenlla á directiva, e dixéronme, adiante».

A medida non deixa de ser un paso máis no traballo de educación deportiva dos pais dos nenos da canteira emprendido por Luis Carro desde a súa chegada a tempada pasada á base do Céltiga. Un labor no que conta coa máxima confianza da directiva do Salvador Otero, como demostra a súa renovación este verán pese á súa fichaxe como adestrador do primeiro plantel dun Ribadumia rival do Céltiga na Terceira División, e que comezou coa redacción e activación do primeiro código de réxime interno da base que non só afectaba os xogadores, senón que se estendía aos seus adestradores, pero tamén aos pais dos nenos.

Nesta mesma liña, Luis Carro vén de encher as gradas do campo da Bouza, onde xoga a base, con copias das novas normas da Real Federación Galega de Fútbol, que como principais novidades elimina a clasificación de goleadores das ligas de fútbol 8, e faculta os colexiados a suspender calquera partido no que se produzan insultos de calquera tipo.

«Todo o que se faga para educar os pais no fútbol é pouco», sostén o coordinador da canteira do Céltiga, que sinala que «cando estás nun posto coma este tes a sensación de que todo o mundo fala moito, pero fai pouco; eu penso que se pode facer para mellorar a educación». E ao respecto, opina que «desde os clubs se pode facer moito máis» para elo.