O Museo acollerá a exposición «Os mundos de Carlos Casares»

Elena Larriba García
Elena Larriba PONTEVEDRA

AROUSA

MANUEL SOTELO

A mostra, na que colabora a Deputación, poderá visitarse no Edificio Sarmiento entre o 8 e o 26 de novembro

26 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mundos de Carlos Casares é un percorrido pola obra, a vida e o tempo do autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas, a través de paneis explicativos, materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos.

A mostra, foi presentada onte en Vigo, onde comezará o seu percorrido pola provincia. Mañá será inaugurada na Casa das Artes da cidade olívica e posteriormente chegará ao Museo de Pontevedra, para a súa exhibición no Edificio Sarmiento do 8 ao 26 de novembro.

A Deputación Provincial é unha das entidades que colabora coa Fundación Carlos Casares para facer posible esta exposición, comisariada por Chus Martínez Domínguez. Segundo expuxeron onte os organizadores a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares nunha sucesión de cinco territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.

Diferentes etapas

«O que fixemos foi un traballo de interpretación da vida, da forma de ser, e da visión da literatura, moi transparente, que tiña», sinalou Gustavo Adolfo Garrido, comisario e secretario da Fundación Carlos Casares. Explicou, ademais, que «utilizamos as maletas que compoñen a montaxe como un símbolo de tránsito entre as diferentes etapas». Unha idea na que tamén incidiu Hakan Casares, fillo do escritor, ao asegurar que a mostra «non só ilustra a traxectoria de meu pai, senón que dá conta do tempo no que lle tocou vivir e dun lugar, que é Galicia». Ademais, manifestou o desexo de que «a exposición esperte algo de interese pola literatura sobre todo entre a xente nova, que lean algo, e que lean en galego, porque eu creo que iso sería o que a meu pai lle gustaría, e se aínda por riba acabaran escribindo e en galego, seguro que lle gustaría aínda máis».

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que tamén asistiu a presentación, puxo en valor o legado do autor, ao que cualificou como «un gran novelista», e sinalou que «a súa riqueza ía máis aló da literatura; tamén estaba noutros xéneros como o xornalístico ou na curiosidade que sentía polas novas tecnoloxías do momento».

O deputado de Cultura, Xosé Leal, pola súa banda, coincidiu en que nesta mostra «poderemos coñecer mundos que van moito máis aló da literatura en si».