«Para que se desenvolva o Hospital do Salnés, precisamos de Pontevedra»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

OSCAR VIFER

O xerente da EOXI Pontevedra-Salnés afirma que a nova lei fomentará a colaboración entre centros sanitarios

13 sep 2017 . Actualizado a las 16:13 h.

Hoxe volven celebrarse, ás portas dos centros sanitarios da comarca, concentracións contra a Lei de Saúde que prepara o Sergas e que inclúe a desaparición de áreas sanitarias como a do Salnés. Falamos delo co xerente da EOXI.

-Presentar o anteproxecto no mes de agosto non foi boa idea.

-En primeiro lugar, estamos nun anteproxecto. O que ten que saber o cidadán é que estamos na fase cero de tramitación. Neste momento, todo o mundo pode opinar, e esa opinión terá que terse en conta para determinadas modificacións do anteproxecto. Este pasa despois ao Consello da Xunta e, aínda a continuación, a tramite parlamentario.

-En calquera caso, a desaparición da área sanitaria do Salnés non gusta.

-Neste momento, en Galicia temos once áreas sanitarias, sete Eoxis, e 14 hospitais. Do que trata a lei é de articular todo iso. Equipara as áreas ás Eoxis, de forma que Galicia terá 7 áreas sanitarias, e faino creando unha nova figura, o distrito. Crea catorce e sinala que cada un se organiza arredor dun hospital, de xeito que é a forma de consolidar por lei os 14 hospitais de Galicia. No caso do Salnés, hai elementos moi salientables de consolidación. Un deles é a gran inversión realizada: dende o 2014 estanse investindo 8,5 millóns de euros no hospital. É un hospital cun dos mellores servizos de urxencias de Galicia, cun bloque obstétrico absolutamente novo, cun novo bloque cirúrxico, e nos quedan uns poucos meses para abrir a fase tres. O hospital do Salnés é sólido e estase a mellorar. E van medrando os servizos que se lle prestan os cidadáns... Oncoloxía, neuroloxía e cardioloxía son servizos que pasan a prestarse directamente desde este hospital.

-Sen embargo, dende a incorporación á EOXI, se ten cedido a xestión doutros servizos.

-Eu creo que, ás veces, se fai chegar á xente información terxiversada. O desenvolvemento de calquera hospital ten que vir dado por un elemento de calidade e de seguridade da prestación do servizo. Non podemos pedir servizos no hospital se o volume de asistencias é tan pequeno que corremos o risco de prestar esa asistencia sen a calidade necesaria. O desenvolvemento dos hospitais comarcais pasa, máis que por competir co hospital de referencia, por establecer un marco colaborativo. Imaxinemos por un momento un servizo no Salnés con tres profesionais. Imaxinemos un período de vacacións ou que coinciden dúas baixas... Pasamos a ser incapaces de prestalo. Se mantemos unha colaboración co hospital de referencia, podería seguir dándose no Salnés cun apoio desde Pontevedra. Para que se desenvolva un hospital como o do Salnés, precisamos colaboración desde Pontevedra.

-¿Non se van perder servizos?

-Para min a máxima é que a prestación de servizos se ten que dar, sempre que sexa posible por calidade e seguridade, o máis cerca posible do paciente. A colaboración vai permitir que a poboación reciba o maior nivel de asistencia desde o Hospital do Salnés. O Sergas está convencido de que o único xeito de consolidar un hospital é precisamente este. Na práctica temos problemas para consolidar a profesionais nos hospitais pequenos. Dende o meu punto de vista, poderíamos paliar esa situación se eses profesionais puideran participar en actividades máis complexas do hospital de referencia.

-Batas brancas fala desa fuga do Salnés, pero achácaa á involución do centro.

-Imaxine unha persoa que rematou a súa especialidade, xente moi ben formada, que pasa a ter unha praza no Salnés. Ven de exercer dous ou tres anos nun hospital grande, e cando chega ao do Salnés... O Salnés non vai ser coma ese gran hospital, porque a poboación é de 75.000 habitantes. Pero, ¿e se podemos ofrecerlle que aborde determinados procedementos que non pode facer no Salnés dende Pontevedra? Creo que así lograríamos fidelizar a ese profesional á area de Pontevedra e, especificamente, ao distrito sanitario do Salnés.

-¿Non vai afectar aos pacientes?

-Para o paciente non vai haber ningunha alteración. A EOXI o que pretende é a xestión integrada de todos os recursos da área de Pontevedra e do Salnés. De aí que teña sentido casar a organización territorial. En lugar de dúas areas fagamos unha, e xestionemos de forma integrada todos os recursos. E todo iso mellorando a atención ao cidadán. A Pontevedra terán que ir cando non se lle poda prestar atención por cuestión de seguridade e calidade.

-¿E para os profesionais?

-Unha das cousas que preocupan son as listas de contratación temporal. Unha persoa que queira anotarse nunhas listas, farao na área, pero farao dicindo se prefire o distrito sanitario de Pontevedra ou do Salnés. No tema de provisión a lei sinala que o procedemento xeral será o concurso de traslado. Regula tamén itinerarios profesionais e permite unha certa flexibilidade nese ámbito. É certo que hai movementos entre centros, que serán sempre consensuados cos profesionais. Estou seguro de que hai traballadores do Salnés que estarían dispostos a facer en Pontevedra procedementos que aquí non poden facer. E de que cando aquí teñamos problemas para proporcionar determinados servizos, co apoio do hospital de referencia poderemos mantelos, pero falado, consensuado e pactado cos profesionais.

-Este hospital segue sen ter un xerente propio, un director. Que ese cargo sega en precario alimenta a hipótese da absorción.

-É certo que é importante que haxa un interlocutor no día a día. Aquí debe haber un equipo de dirección para que o persoal de enfermería, médicos, e demais teñan un interlocutor co que abordar os problemas e que sirva de enlace comigo. Para ese cargo hai candidato, pero por diversas vicisitudes o nomeamento, que se ía facer a finais de xuño, ímolo facer inmediatamente. Neste mesmo mes.

«A curto prazo funcionará o hospital de día e a área postanestésica»

Gómez incorporouse hai xa uns meses ao seu cargo. A estas alturas, xa ten recollido datos para facer una avaliación do estado do hospital comarcal.

-¿Como atopou O Salnés?

-En xeral, o que máis aprecio é que te atopei un conxunto de profesionais absolutamente implicados e comprometidos. Cada servizo, cada unidade, pon todo da súa parte para lograr mellorar. No tema de quirófanos temos cinco, traballamos con catro, así que temos capacidade de medrar un pouco máis no ámbito cirúrxico. En segundo lugar, destacaría que nun futuro moi próximo estaremos en condicións de poñer en marcha unha ampliación da unidade de coidados postanestésicos e o hospital de día, que vai ser un reto para nós. Estamos aumentando os servizos.

-Estaba previsto que, despois do verán, se implantase a quimioterapia.

-Aínda que aquí teñamos un servizo como Oncoloxía, temos que decidir que nivel de quimioterapia se vai poder proporcionar aquí. É dicir, hai determinados procesos de quimioterapia que terán que seguir en Pontevedra por unha cuestión de calidade e seguridade. A decisión se toma co servizo de oncoloxía. É algo que temos que falar.

-¿Hai intención de aumentar a carteira de atención no Salnés?

-A curto prazo haberá unha mellora en esterilización, hai unha inversión prevista. No ámbito clínico o tema hai que traballalo mais. Aquí temos servizos que moitas veces, máis que crecer en especialidade, piden equipamento para poder dar mellor atención. A ampliación de servizos novos e algo que, primeiro, ten que xurdir a necesidade, ten que cumprirse calidade e seguridade. Este é un hospital bastante desenvolvido en especialidades.

-Tamén hai problemas. Están as demandas dos celadores, a reclamación cíclica de persoal para Urxencias...

-Este hospital creceu moito. Ten unhas urxencias moito máis grandes, ten unha planta máis de hospitalización... Non imos ter a dotación de persoal que esixen as organización sindicais, pero hai que analizar esas dotacións e ver as cargas de traballo para intentar, pouco a pouco, ir mellorando. O tema dos celadores ven de que isto foi unha Fundación, e nas fundacións non existe esa figura. Na actualidade hai 26. Intentaremos ver se somos capaces de solventar esa situación porque certo déficit hai que recoñecer. En Urxencias podes ter una dotación adecuada e en determinado momento se produce un pico que tensiona esa situación.