Chiqui Barros continuará un segundo ano no banquiño do Xuven se o equipo se salva

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

O técnico ferrolán asinou un 1+1 co club cambadés

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se todo sae como confían a directiva e o novo responsable do banquiño do Xuven, a que vai comezar será a primeira de alomenos dúas tempadas de Chiqui Barros á fronte do conxunto arousán. Así, o contrato do preparador ferrolán inclúe a renovación en caso de conseguir que o cadro do Pombal asegure o que sería o seu sexto curso consecutivo na LEB Prata. O que se coñece como un 1+1.

O dato, que non foi publicitado nin polo club nin polo técnico nin no anuncio do seu acordo, o 20 de xullo, nin na presentación do técnico, sete días despois, si se desvela no tweet co que a firma de representación de Barros informaba o día 20 do pasado mes do novo destino do seu representado con «Un placer anunciar el acuerdo ya oficial entre el entrenador @chiquibase con el @xuven de #LEBPlata para las próximas 2 temporadas en 1+1».

 

Primeiro partido estival, en Porto

Noutra orde de cousas, o Xuven pechou o seu primeiro partido de preparación. Será seis días despois do inicio o 28 de agosto da pretempada amarela, cun choque a domicilio o 3 de setembro co Dragon Force, o filial do Porto na Segunda División lusa.