O vilagarcián pasa a ser o terceiro home do W52-Porto na xeral, a 46 segundos do primeiro. A boa nova, a criba dunha decena de rivais
09 ago 2017 . Actualizado a las 11:12 h.A primeira etapa de montaña da Volta a Portugal empinou un pouco máis o camiño de Gustavo César Veloso cara ao seu terceiro triunfo na xeral da ronda lusa. Co seu compañeiro e teórico lugartenente maior, o tamén español Raúl Alarcón, reforzando o liderado que adquiría na primeira etapa en liña gañando de novo, desta no alto de primeira categoría da Señora da Graça, unha das chegadas míticas da Grandíssima. Un desenlace cifrado en 29 segundos máis de desvantaxe do arousán respecto a Alarcón, ao sumarlles aos 19 segundos de diferenza na meta os 10 de bonificación. E enriba, con outro compañeiro de equipo, Amaro Antunes, superándoo tamén na xeral.
Unha fuga de oito corredores no quilómetro 15 protagonizou o transcurso da etapa, se ben a súa vantaxe co pelotón sempre andivo nos 2 minutos. Inda cando Filipe Cardoso (Boavista), a 54 segundos de Alarcón, se uníu a ela no quilómetro 102, a 50 de meta.
O W52-F.C. Porto, que encabezou un día máis o pelotón durante a maior parte da carreira, impuxo nos 8 quilómetros de ascensión á Señora da Graça un ritmo infernal, que unido ao 7,5 % de desnivel medio das súas costas servíu para ir liquidando a varios dos teóricos homes fortes da Volta. Atrapado o último aventureiro do día a pouco máis de 3 da meta, queimados xa Rui Vinhas e Ricardo Mestre, con António Carvalho impedíndolles aos seus rivais tomarse un segundo de respiro, Alarcón atacou a quilómetro e medio, cando na cabeza xa só quedaba unha decena de supervivintes, entre eles catro homes Porto. Fíxoo co seu compañeiro Amaro Antunes a roda. João Benta (Boavista), Rinaldo Nocentini (Sporting Tavira) e Vicente García (Hospital de Loulé) foron os únicos que puideron tentar respostar o ataque mentres Veloso e o estradense Álex Marque (Sporting Tavira) quedaban parados, tardando en reaccionar.
Alarcón entrou só, con Antunes e Nocentini a 3 segundos, con Benta e García a 4, e a 19 Veloso e Marque. O arousán cae un posto, do quinto ao sexto, na xeral provisional, pasando de ver a Alarcón de 17 a 46 segundos de diferenza.
A boa nova para Veloso é o descarte dun bo fato de rivais. Retirado Edgar Pinto (LA) o domingo a raíz dunha das caídas a 2 quilómetros de meta, onte quedaron descartados para a xeral corredores do nivel de Rui Sousa (Boavista), a 2.29 de Alarcón coa bonificación, Daniel Mestre (Efapel), que cedeu 1.18 como o seu xefe de filas e subcampión olímpico, Sérgio Paulinho, César Fonte (LA), que perdeu 1.34 co líder, Davide Rebellin (Cartucho.es), 2.08, Óscar Rodríguez (Murias), 3.15 ou un Domingos Gonçalves (Boavista), que se deixou 3 minutos e o terceiro posto da xeral.