O Breogán pelexa en tres días por revalidar a Liga e a Copa Nacional Femininas de Esprint

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CAPOTILLO

06 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Nacional de Esprint Olímpico Hernando Calleja dirímese entre mañá venres e o domingo no Centro Deportivo David Cal de Verducido, nun Campionato de España de Esprint Olímpico que pecha o programa de catro probas puntuables iniciado no Campionato de España de Inverno, e continuado nas Copas de España de Pista de 1.000 metros, e de 200 e de 500. Serán tres días cruciais para a valoración de fin de tempada do Breogán do Grove. Un club que aspira en Verducido a calcar a súa sobresaínte tempada 2016, chegando ao derradeiro campionato terceiro na clasificación xeral da Liga de Esprint Olímpico, e como líder tanto da Liga Nacional Feminina Olímpica de Esprint como da Copa da S.M. La Reina.

Mentres na Copa, que contabiliza tan só os resultados das padexeiras séniores, o Breogán ten practicamente asegurado o título, con 9 puntos de vantaxe respecto á Escuela Piragüismo Aranjuez, nas Ligas o equipo grovense deberá exprimir o seu rendemento esta semana. Máxime, cando os seus rivais acoden a Verducido con expedicións máis numerosas cá arousá. É o caso do Escuela de Piragüismo Aranjuez, segunda na Liga Nacional Femenina con 306 puntos, a 3 do Breogán, e que será o club con máis padexeiros no Campionato de España con 43, polos 27 mecos. Tamén do Náutico de Sevilla, cuarto da xeral de Liga Hernando Calleja, que con 35 deportistas tentará remontar os 2 puntos que o separan do Breogán, e do podio da gran competición de pista.