O veterán meco Miguel Fernández, campión de Europa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

MaratónTania Álvarez abrirá mañá a participación arousá Sub-23 e Sénior

28 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira das dúas grandes citas internacionais de maratón da tempada arrincaba onte para os padexeiros arousáns na selección española en Ponte da Lima, Portugal. Facíao coa participación do canoísta do Breogán do Grove Miguel Fernández na proba da categoría de veteráns de C-1 de 35 a 39 anos. E o inicio non puido ser mellor. Co breoganista impoñéndose con inconstestable autoridade ao termo dos 19 quilómetros aos seus tres rivais na auga cun crono de 1 hora, 38 minutos, 40 segundos e 75 centésimas. Os tamén españois Mykola Dymakov e Óscar Santos colgáronse a prata e o bronce, respectivamente, tras rematar en 1.43.54.16 e en 1.46.45.66. O luso Hugo Castanho pechou a regata en 1.54.52.48.

Será mañá cando arrinque a competición nas categorías júnior, Sub-23 e sénior. Nas dúas últimas, con catro padexeiros arousáns. A breoganista Tania Elisabeth Álvarez Yates, campioa de España de Maratón no K-1 Sub-23 un mes atrás no encoro de Alange, Badajoz, buscará o seu primeiro metal internacional. Probablemente, facendo equipo coa outra española na proba e a súa gran rival no Nacional, Lucía Arquero. A saída está programada para as 11.50 da mañá, con once inscritas.

Campos, Ferro e Outón

Dúas menos figuran na liña de saída do C-1 Sénior Feminino, no que o sábado, desde as 9 da mañá, competirá a tamén breoganista Lara Outón. O seu compañeiro Tono Campos pelexará por revalidar o título continental do C-1 desde as 12.

Xa o domingo, Campos e José Manuel Sánchez mediránse aos húngaros e mais ao pontevedrés Óscar Graña e ao illense Ramón Ferro polo ouro no C-2.