«Estamos acurtando o ciclo do mexillón para facer fronte aos peches por toxina»

Afirma que máis de 200 bateas da ría de Arousa perderon parte da produción a pasada campaña polas mareas vermellas

.

ribeira / la voz

Cunha candidatura de consenso que mantén unha liña de continuidade co traballo iniciado hai dous anos, Ricardo Herbón González (Boiro, 1966) foi reelixido hai unhas semanas presidente da Organización de Produtores Mexilloeiros de Galicia (Opmega). Afirma que decidiu presentarse de novo porque nestes dous anos iniciáronse proxectos que aínda están en marcha: «Parecíanos, tanto a min como á xente que está comigo, que deixábamos moitas cousas sen acabar».

-A organización ten diversas liñas de traballo por diante para ampliar os mercados aos que chega o produto, ¿en que medida se ven afectados polas persistentes toxinas?

-É un gran condicionante. As mareas vermellas están provocando períodos de peche cada vez máis longos e prodúcense cada vez con maior frecuencia. A pasada campaña, na ría de Arousa houbo máis de 200 bateas que non puideron vender a súa produción. Cando puideron ir traballar colleron unha terceira parte do molusco que tiñan e a colleita do ano seguinte tamén se veu comprometida. Hai que ter en conta que non se perde un ciclo, senón dous. Tamén na ría de Muros-Noia se viron moi afectados e a retirada do bivalvo fíxose moi tarde. A toxina é imprevisible.

-Tendo en conta iso, ¿como garantirán o abastecemento aos novos clientes?

-Temos que buscar unha solución e estamos niso. Estamos probando a sacar o mexillón máis novo. Estámolo facendo en Combarro, retirándoo das cordas dous meses antes. Estamos acurtando o ciclo para facer fronte aos peches por toxina. Se somos capaces de producir en menos tempo podería ser moi positivo.

-¿Que resultado está dando?

-Ten aceptación no mercado. O que se sacou foi para o mercado en fresco porque hai unha demanda crecente no mercado. É un tamaño máis europeo, por dicilo de algún xeito. Dunhas 40 pezas por quilo e cun rendemento de carne do 20 %. Este mexillón aguanta máis tempo porque aínda non chegou á idade adulta e a carne está máis en consonancia co tamaño da cuncha. Se ten vianda, no mercado ten aceptación. Ao mesmo tempo, resulta máis doado de cociñar e á vista resulta moi atractivo.

-¿E os prezos?

-Polo momento, mantivéronse. Pero tamén temos que analizar o rendemento, porque a cantidade de quilogramos que lle sacas ás cordas é menor, e ao final da campaña iso nótase. Por iso que temos que analizar os resultados globais. O que está claro é que nós temos que buscar alternativas porque as toxinas están tendo unha gran incidencia. Hai polígonos que pasan a maior parte do ano pechados, e iso é un problema. Se non se pode traballar tampouco se saca nada.

-A nivel de Administración, ¿incidiron para que se fagan máis controis que determinen a causa das mareas vermellas e poidan atallarse?

-Transmitímoslle á ministra a nosa preocupación polo saneamento das rías. Ese é un aspecto fundamental da pesca artesanal. Non só no caso dos bateeiros, en todos en xeral, porque é un problema conxunto.

-¿Que outras liñas de traballo están mantendo na organización?

-Outro dos aspectos nos que estamos incidindo é en mellorar os cobros da nosa xente, en reducir o tempo, porque están asfixiados. Tárdanse unha media de catro ou cinco meses, e iso é moito tempo. Canto máis tire o mercado, máis se reduce o tempo de pago. Acabamos de solicitar un préstamo co que liquidamos as débedas pendentes que afectaban aos nosos socios. Houbo empresas que deron en quebra e había impagos. Penso que iso marca un antes e un despois. A solidariedade tamén ten que ser unha das nosas bases de traballo. Ao mesmo tempo, buscamos unha liña de clientes que nos aporte sostibilidade. Estamos rexidos por un plan operativo deseñado por nós que tivo unha acollida moi importante. É un plan ambicioso para seguir mantendo a organización de produtores e para camiñar con paso firme cara ao futuro.

Votación
1 votos
Comentarios

«Estamos acurtando o ciclo do mexillón para facer fronte aos peches por toxina»