A cultura volverá florecer na Illa a finais do mes de xullo

AROUSA

MONICA IRAGO

O programa «O mar nunha flor» encherá a vila de obradoiros musicais, concertos e contos de todo tipo

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O mar nunha flor». ¿Pode haber un nome máis fermoso para un certame cultural -de música, de humor, de letras, de máis música, de arte en todas as súas formas-? Probablemente, non. Sobre todo, se o encontro é na illa de Arousa. «O mar nunha flor» é o froito do amor que por esta terra marabillosa senten moitos dos seus fillos (naturais e adoptivos). Uxía ou Carlos Blanco son algúns dos responsables deste soño de nome fermoso e rebelde. Porque o mar vén nunha flor cando as augas veñen revoltas.

No mes de xullo

O evento naceu hai un par de anos e tense convertido nunha das propostas culturais máis refrescantes, vivas e variadas de todas as que se celebran na contorna. Confórmase o programa a base de pequenas citas que, como flores silvestres, agromarán aló onde lles pete. Haberá concertos no Muelle de Pau, ou na Praza do Concello, ou no Auditorio. E haberá contos, e un obradoiro de samba. Haberá, sobre todo, moita xente boa desexando gozar dunha festa tranquila, relaxada, harmónica coa xenerosa natureza da Arousa en verán. Dese mesmo entorno gozarán tamén os artistas que teñen sido convocados para a ocasión. Para o certame deste ano xa hai nomes confirmados, como o de Víctor Coyote, ou o de Antonio Zambujo, ou o da Banda da Balbina. E moitos outros que xa se irán debullando co tempo. De momento, vaian reservando o final de mes de xullo para gozar da Illa. Do mar nunha flor.