O autor presentará a súa novela máis recente, «Terra Quiemada», no lugar no que creceu
07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Non sabe de onde lle ven a afición pola lectura e a escritura, aínda que o seu pai tiña moitos libros na casa, pese a non ser un afeccionado á mesma. Ramón Caride lembra rapidamente a súa primeira mestra como impulsora desa soltura coas palabras que xa o levou a publicar algo máis de medio cento de libros -entre poesía, ensaio e novela-. Góstanlle as historias con pulso, como as novelas policiacas ou de terror, as de aventuras ou todas aquelas que lle proporcionen un enganche ó lector. Quizais por iso Edgar Allan Poe, Charles Dickens ou Stevenson son os primeiros nomes que saen dos seus beizos cando se lle pregunta polos seus autores predilectos.
-Que vai atopar o lector en «Terra queimada»?
-É unha novela que conta varias historias separadas por un lapso temporal. Hai unha historia que transcorre no século XIX, hai outra ambientada polo 2006 e moitas outras que se entrecruzan. É unha novela coral, co punto de partida unha taberna dunha aldea de montaña.
-De onde saíu a idea?
-Unha parte saíu do que leo e outra que xa tiña esbozada dun relato breve que escribín hai anos, sobre catro homes que se dedican a comprar e cortar madeira. Son distintas cousas que nun momento dado vin que se podían entrecruzar, a medida que escribía atopei conexións ocultas
-Buscaba facer crítica ou é que o relato fluíu así, sen máis?
-A morte da cultura rural é unha das cousas que me obsesionan desde neno. Crieime nunha aldea pequena e o tema demográfico, en Ourense e todo o interior de Galicia, é moi grave. Non só porque non haxa xente nova, senón porque desaparece toda unha cultura milenaria, con saberes e oficios, con toponimia e maneiras de ser. Unha visión do universo desaparece completamente cando o campo queda abandonado. E os incendios funcionan como metáfora da destrución.
-Ten unha rutina de escritura ou método de traballo?
-Non. Eu sempre escribo as novelas guiado por un impulso vital. Unha vez rematada esta, a seguinte pode tardar en chegar tres meses como pode tardar tres anos.