«Aos nenos hai que ensinarlles a chorar e ás nenas hai que empoderalas, elas son fortes»

La Voz

AROUSA

12 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de rematar o curso, Carme Moure fai un balance moi positivo das clases de igualdade.

-Estou moi satisfeita e tremendamente orgullosa. Hai que ter en conta que son nenos e nenas de doce anos e vese que hai un nivel madurativo importante. En xeral, teñen curiosidade. O outro día estivemos analizando cancións de Malú, de Ella baila sola, de Amaral..., cancións que eles tarareaban pero que por primeira vez se daban de conta do que dicían. Eles mesmos chegaron á conclusión de cal canción representaba o mundo máis igualitario e cal non.

-¿As condutas dos nenos neste campo empeoran ou melloran co tempo?

-Temos que ter en conta a realidade social que rodea os nenos. A televisión, a literatura, os videoxogos, o reguetón... Eles perméanse desa realidade social, que é tremendamente machista, e se non hai ninguén que lles faga reflexionar sobre esa realidade, acaban asumíndoa e plasmándoa despois na súa vida. Si, percibimos certo retroceso en valores de igualdade, por toda esa realidade social que é moito máis visible, por exemplo nas redes sociais. Non quero demonizar Internet, que é moi boa para moitas cousas, pero ten ese lado non tan bo que difunde estereotipos, que deriva en ciber acoso e en violencia de xénero. Todo isto fai que vexamos nos centros educativos actitudes que criamos superadas.

-Chama a atención que fale de regresión cando estamos no momento histórico no que os mozos teñen a mellor educación e máis información...

-Está claro que se deron pasos en igualdade, pero esta sociedade

machista, máis tradicional, tamén se rebela. É como un animal ferido que intenta coas súas armas físicas, ideolóxicas e simbólicas frear ese avance. Esa masculinidade máis machista utiliza todas as armas que ten para non perder a súa posición, canto máis risco percibe, máis actúa. Por iso tamén é importante a educación emocional, educar nos afectos, que non cotizan á alza na masculinidade tradicional. Como di Miguel Ángel Arconada, a igualdade non vai ser efectiva mentres non sexa afectiva.

-O dos nenos non choran...

-Si, os nenos non choran e as nenas son tranquilas. Pois aos nenos hai que ensinarlles a chorar, a expresar a súa afectividade, e ás nenas, empoderalas, elas son fortes.