«Haberá unha última xira e adeus a Nao»

AROUSA

SANDRA ALONSO

A banda da Estrada, unha referencia na tralla do país, pecha hoxe un ciclo antes de centrarse en gravar o seu derradeiro disco

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.45 horas • Sala Capitol • Santiago • Con Ezetaerre • 10 € anticipada, 13 en billeteira • Doce anos de traxectoria, que dalgún xeito deron continuidade a aquel brutal proxecto que foi Xenreira, están a piques de chegar á súa fin. Nao pon o peche esta noite á xira de «Soñar» e «Crear», o dobre EP que a banda publicou o ano pasado. A partir de aquí haberá un derradeiro álbum e unha xira de despedida. A apocalipse Nao mantén a súa conta atrás sen piedade. Jasper, voz e guitarra, confírmao.

-Este é o peche da xira...

-Si, é o concerto de fin de xira do álbum máis recente.

-Pero tendo en conta que Nao ten data de caducidade, ¿que significa este concerto para o futuro da banda?

-Significa que paramos para compoñer o que será o derradeiro traballo, co cal decidimos deixar de tocar durante unha tempada. Pero antes de meternos a gravar apetecíanos un subidón de peña. A verdade é que nunca fixemos algo así, unha data que peche un ciclo. Queremos ver, tamén, a reacción da xente diante dos temas de «Soñar» e «Crear», xa con tempo para telos escoitado a fondo.

-Pero a fin de Nao está clara.

-Si, é a fin de Nao. Haberá un disco, unha última xira e adeus. Dixemos que fariamos unha triloxía de conta atrás. Dous deses traballos foron xuntos, «Soñar» e «Crear», queda, polo tanto, o derradeiro. Será un disco longo, que queremos ter listo ao remate deste ano para abrir entón unha xira moi longa durante o 2018, e que sexa a despedida de Nao. Isto alongouse no tempo máis aló do que queriamos. Vímonos un pouco arrastrados, cando anunciamos a apocalipse a xente volveuse tola, querendo chamar, e atopámonos nunha voráxine de bolos e gravacións que non podiamos xestionar. Non podemos ser Los Suaves.

-Home, non irás abrir a cabeza no concerto coma o pobre do Yosi...

-Non quixera, non. Se abro a cabeza acabouse.

-Non, en serio, ao longo do tempo Nao evolucionou notablemente no eido musical. ¿Se cadra afastouse tanto do inicio que é recomendable parar?

-Non, non ten nada que ver. Nós non temos medo a experimentar, facemos o que nos vai saíndo e temos un gusto musical amplo. Somos un grupo de caña, pero non temos medo a experimentar. O importante son as cancións, e en primeiro lugar, ou cando menos a igual nivel, están as letras e o que queremos transmitir. Mentres as cancións nos sigan gustando e as letras esperten conciencia, tanto nos ten o estilo musical. Dito isto, neste derradeiro disco tentaremos recuperar a esencia de «Cancións De Amor E Liberdade».

-De feito, non vos cortastes en experimentar con «Crear».

-Si, nós coñeciamos xa o estudo de Garate, analóxico, sen tecnicismos dixitais, que pedía un disco cru. Un traballo moi metaleiro non tería funcionado aló. Así que lle dimos a dinámica que cremos axeitada. Neste bolo apetécenos recuperar todos os temas destes dous discos. «Sacrificio», por exemplo, un tema roqueiro que nos gusta moito e, porén, non funcionaba moi alá en directo. Non sei, ao final cando dixires un disco enteiro á primeira escoita igual non o volves poñer máis. A min eses discos gustáronme moito. Son eses temas, os rarunos, os que probablemente perduren no tempo. ¡E queremos ver a reacción da xente, a ver se é paranoia nosa!

-¿Haberá colaboracións sobre o escenario?

-Si, colaboracións explosivas. Por exemplo, na versión dos Gallows que gravamos para o recopilatorio «Hardcore Hits Cancer II». Tamén nos apetece ensinarlle a un público metaleiro que unha pandereteira pode funcionar con nós. Levamos ensaiando moito, cunha dinámica distinta... Nao é capaz de facelo mesmo máis elegante.

-Abren Ezetaerre.

-Abren. Están presentando disco e son un dos grupos de rap máis innovadores de cantos existen hoxe en Galiza. Do mellor que apareceu no país nos últimos anos.

-Postos a iso, ¿como ves a escena musical en Galicia?

-Sempre houbo calidade. O que falta é a difusión dende os medios públicos. Se non apareces na CRTVG, estás vetado. É algo tremendo, unha campaña de autocomplexo e autoodio sen sentido mentres seguimos comendo unha televisión e unha radio públicas cheas de bazofia.

-Igual vou moi apurado coa pregunta, pero supoño que a música non rematará con Nao.

-É moito contestar agora. Eu sen facer música e sen facer política non sei vivir. A Gustavo pásalle o mesmo. Non sei. A día de hoxe Nao e gravar ese discazo quítannos todo o tempo. Xa veremos.