Veloso e Ángel Sánchez corren a Volta ao Alentejo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A rolda, de cinco etapas, conta cunha participación encabezada polo Movistar, e con catro equipos profesionais continentais

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco días sobre o asfalto e case 900 (894,7) quilómetros de carreira. Gustavo César Veloso e Ángel Sánchez disputan co W52-F.C. Porto desde hoxe e ata o domingo a trixésimo quinta edición da Volta ao Alentejo. Unha das rondas máis sobranceiras do calendario ciclista portugués, e que comparte organización coa Volta a Portugal.

Proba do sinalado é a aparición na listaxe do Movistar Team, equipo UCI ProTeam, a primeira das tres categorías do ciclimo profesional no mundo, e catro escadras continentais profesionais, a segunda división internacional, caso do Caja Rural-Seguros RGA, do Gazprom-Rusvelo ruso, do Manzana Postobon Team colombiano e do Israel Cycling Academy.

Gustavo César Veloso partirá co dorsal número 1. Faráo con intención de seguir rodándose neste inicio de tempada tras estrearse hai un par de semanas na Volta a Valencia, e de «botarlle unha man ao equipo», dicía antes de partir cara Portugal. «Inda non estou para disputar o triunfo, e a Volta ao Alentejo non se adapta ás miñas características», comenta, por tratarse dunha ronda eminentemente chan que se soe decidir «polas bonificacións», e pola habilidade para non quedar descolgado nalgún dos frecuentes abanos polos que se coñece a Alentejana.

Con Samuel Caldeira, o esprinter do W52-F.C. Porto, recuperándose dunha operación de rotura de clavícula, e con Veloso en fase de arrincada, quizais poida ser unha boa oportunidade para os corredores máis novos, coma Ángel Sánchez.

Gustavo César deberá pasar hoxe polo mesmo punto onde o ano pasado, na mesma carreira, caera sufrindo unha luxación de ombreiro e dúas costelas rotas, o que retrasou a súa preparación para a Volta a Portugal. «Cando pase por alí acordareime, e tentarei frear máis; ou ao mellor vou tan centrado na carreira que nin me acordo», comenta ao respecto.