«Hai que buscar fórmulas de certificación que se adapten mellor ao minifundismo da zona»


Gerino Ferreirós fai unha pausa para atendernos. «Estamos plantando uns camelios, e ata vén ben deterse un anaco a coller folgos», conta. Estamos en Vista Real, onde funciona unha escola de agricultura ecolóxica.

-¿Por que non prende aquí a agricultura ecolóxica?

-Eu creo que a zona do Salnés sae un pouco prexudicada das restricións que impón o Craega, por exemplo no que ás esixencias de distancias con cultivos de agricultura convencional se refire. Nesta zona hai moito minifundio e hai tamén moito cultivo de albariño, e agricultura convencional e iso condiciónao todo. De feito, os rapaces que se están formando aquí e que teñen idea de establecer as súas explotacións atópanse con ese problema. A saída, para eles, é buscar outras fórmulas de certificación que se adapten mellor ao minifundismo da zona.

-¿E hai esas outras fórmulas?

-Hainas. Hai sistemas de produción garantida. Isto ven sendo que un grupo de pequenos produtores se organiza. Manteñen nas súas explotacións todos os criterios de manexo que establece o Craega e se someten a controis realizados por un técnico experto que tamén os asesora. É dicir, fai todo segundo as normas do Craega -o libro de campo, as boas prácticas ecolóxicas, o respecto ao medio ambiente-, menos naquelas cuestións que se escapan do seu control, como o das limitacións espaciais. Nese campo tamén se poden tomar medidas correctoras, como facer barreiras ecolóxicas que reduzan a posibilidade de que os produtos que se usan na agricultura convencional cheguen aos seus cultivos.

-No seu centro estanse formando once persoas. ¿Van ter saída?

-Eu penso que si. Para empezar porque se trata de xente que está moi concienciada, que ten unha enorme vocación de traballo. Ademais, a intención desta escola é aproveitar nichos de negocio que abre a agricultura ecolóxica e que están sen explotar. Por outra banda, a agricultura convencional está mellorando moito, e eu penso que chegará un momento no que estas dúas formas de traballar poidan convivir sen problemas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Hai que buscar fórmulas de certificación que se adapten mellor ao minifundismo da zona»