«Eu non elixín o galego, foi esta lingua a que me escolleu a min»

marina santaló VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O sociolingüista bengalí e investigador de linguas minoritarias deu unha charla no IES Castro Alobre

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que chegou a Galicia de casualidade, Anik Nandi converteuse nun verdadeiro coñecedor da lingua. «Eu non elixín o galego, foi el quen elixiume a min», afirma sobre as súas primeiras andainas en Ourense, a onde chegou en 2007 para mellorar o seu dominio de castelán. Invitado pola Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense Antonio Failde, os tres meses iniciais prorrogáronse no tempo debido a sorpresa que lle ocasionou que na cidade apenas se falase galego. «Ao desprazarme ao resto das principais urbes, dinme conta de que non se trataba de algo illado», relata.

Pronto empezou a investigar os motivos grazas unha bolsa del Ministerio de Exteriores, dirixindo a súa tese sobre a situación das linguas minoritarias no ámbito familiar. Neste sentido, entrevistouse con pais de diferentes zonas de Galicia para coñecer que problemas atopan para educar aos seus fillos en galego. Terminouna en Heriot Watt University, no Reino Unido, a onde se mudou dende 2012 a 2016. Dende o pasado 19 de decembro, é doutor.

«É importante trazar pontes e traballar conxuntamente. A única forma de manter vivo un idioma é falalo. Aínda que o papel das familias non é tan libre, debido a existencia de certos poderes, a responsabilidade é de todos. No eido familiar, son as decisións explícitas ou implícitas que os membros adultos toman sobre o uso e a aprendizaxe da lingua dos nenos», sinala. Unhas decisións que non sempre encontran a resposta esperada. A través das familias entrevistadas, Anik Nandi atopouse con vivencias do máis diversas debido a factores externos.

Conferencia

O sociolingüista visitou onte o IES Castro Alobre como escala do ciclo O galego é un mundo, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A presenza dun bengalí falando galego xogou como un atractivo para impulsar que os estudantes abracen a lingua da súa comunidade. Deixou as súas investigacións a un lado e centrouse na diversidade como unha vantaxe. Estableceu tamén unha vinculación entre o bengalí e o galego. «Na India é unha lingua minoritaria», afirma. Animou tamén aos alumnos a «quitar o medo a alfabetos diferentes». El aprendeu tres. Para iso, escribiu o nome dalgúns dos alumnos que acudiron a charla no seu idioma ao tempo que fixo unha comparativa, co panorama sociolingüístico da India. Esta charlas son, dalgunha forma, a súa aportacións ao idioma sobre o que espera seguir investigando.