Kito Parada: «Xa somos un equipo máis de Primeira Nacional»

O técnico do Rasoeiro cre que o seu equipo se salvará multiplicando por dous os 8 puntos cos que vén de cruzar o ecuador de Liga


O Rasoeiro Balonmán vén de completar a súa primeira media tempada na Primeira División Nacional, a categoría de bronce española. Faino con 8 puntos, antepenúltimo cun só 1 punto máis có Granitos Ibéricos Carballal, que descendería xunto co Lavadores (pechacancelas con 3 puntos) de rematar hoxe a Liga. Porén, o adestrador/xogador do conxunto sénior masculino, e estratega do histórico ascenso, Kito Parada, cualificaba onte de «bastante boa» a primeira volta asinada polo cadro grovense.

É máis, Parada entende que «podiamos estar con catro puntos máis. Antes de comezar a tempada daba por bo os 8 puntos que temos, pero non contaba cunha Liga tan aberta. Non é normal ver o penúltimo clasificado vendo a cinco equipos a tiro de 1 a 3 puntos. O habitual nos últimos anos era que a competición se partira antes por abaixo, e ver a estas alturas xa a dous desafiuzados». Unha situación esta última na que parece atoparse xa o Lavadores tras perder trece dos seus quince partidos.

Obrigado polo cargo, Kito bota xa os seus cálculos. «Aquí gañas dous partidos seguidos, e méteste na metade da táboa. O da semana pasada -derrota 28-29 co OAR- foi unha bágoa, porque con 10 puntos estariamos agora empatados con outros catro equipos». En todo caso, «penso que con 16 puntos poderiámonos salvar». É dicir, multiplicando por dous o actual botín do Rasoeiro.

 

As saídas de vestiarios, a clave

Quen de puntuar cun Bueu Atlético, e de facer bos partidos ante rivais do nivel do líder, o Calvo Xiria, ou do Atlético Novás, o Rasoeiro caeu contra adversarios asequibles coma o Carballal e o Octavio. O gran debe do cadro grovense na primeira volta, salienta unha vez máis Kito Parada, «son as saídas dos descansos. Os partidos que perdimos fóronsenos case todos nos dez primeiros minutos das reanudacións. A actitude nos minutos 30 ao 40 é o que temos que corrixir». Porque, di o técnico/xogador, «saímos relaxados. É un baixón mental. O mesmo nos acontece nos tempos mortos, que nos custa voltar conectar cos partidos. E na Primeira Nacional non podes estar sempre remontando».

Kito Parada é optimista ao respecto. Porque, opina, «o equipo progresa axeitadamente. Pasamos o peor da adaptación á categoría, e agora xa somos un equipo máis, coas nosas limitacións».

Neste senso, o estratega do Rasoeiro considera que os seus homes completaron a transición nun factor tan determinante como a comprensión do criterio arbitral. «En Primeira Nacional permítese moito máis o contacto. En moitos dos nosos tiros en Autonómica pitábannos falta a prol, aquí non. E iso custounos moitos goles nas primeiras xornadas». Agora, pola contra, «nótase que os nosos rivais se enfrontan a nós con máis respecto».

O optimismo de Kito Parada descansa tamén sobre o calendario. Cos seus acompañantes nas cinco últimas prazas da clasificación tendo que pasar nesta segunda volta polo Monte da Vila. E prevendo o retorno de Omar en marzo como reforzo para o último e decisivo treito de Liga nun posto clave, o de pivote, que vén de perder a Pistacho por traballo, pero hoxe xa ben cuberto por Aarón e por Martín tras os seus problemas a comezos de tempada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Kito Parada: «Xa somos un equipo máis de Primeira Nacional»