«A xente non pode mercar o marisco que lle ofrecen pola rúa»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Considera que o furtivismo retrocede, pero que hai que facer moito traballo de concienciación social

11 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o Nadal, e comeza a tempada alta para o sector do mar. Para os mariscadores e mariñeiros, e tamén para os integrantes do servizo de Gardacostas. Nestas datas, «todos os peixes e mariscos acadan prezos altos, e iso anima os infractores a cometer irregularidades en especies que incrementan moito a súa cotización, como o camarón e a centola», explica Lino Sexto, o responsable do Servizo de Gardacostas.

-Xa levan un tempo reforzando a vixilancia precisamente pola próxima apertura da centola. Pero parece que está a haber menos comisos, e o propio sector fala de que hai menos furtivismo.

-Uns días antes de que se inicie a campaña da centola, damos un repaso e podemos dicir que si, que hai un mellor cumprimento da norma. Peinamos practicamente toda Galicia, repasamos todas as zonas de atraque onde normalmente se ía almacenando o produto antes de abrir a campaña. E realmente, de centola non se ten comisado unha cantidade demasiado importante. Seguimos traballando, non baixamos a garda, para facer unha labor profiláctica e preventiva.

-¿A que se pode atribuír, á presión que se efectuou anos atrás?

-Eu quero pensar que o sector cada vez é máis consciente de que as normas están para ser cumpridas. De tódalas formas, este ano adiantouse a data inicial marcada para a apertura da campaña, e penso que iso fixo que non dera tempo a que se cometeran moitas irregularidades.

-¿Ocorre o mesmo coa vieira?

-Coa vieira conseguimos que todas as forzas e corpos de seguridade do estado colaboren con nós e lle presten unha atención especial. E se constata que hai menos incautacións e menos comisos, quero pensar que é porque hai menos infraccións, menos problemática. Hai moita xente -nós, Guardia Civil, Policía Autonómica, Sanidade, Consumo, as policías locais- moi pendente de que non chegue á comercialización un produto que, se vai por vías antirregulamentarias, pode ser moi perigoso.

-¿Vaise aprendendo a lección?

-Eu quero pensar que si. O furtivismo vexo que está diminuíndo. Temos algúns focos, algunhas zonas, sempre haberá quen se dedique ás actividades ilegais, quen teña isto como un sistema de vida. Hai que pensar que se leva traballado moito, séguese insistindo, estase facendo presión. E, a sociedade vaise concienciando.

-¿Funcionou a presión sobre a distribución?

-Foise incidindo dende a praia, dende a extracción, ata a comercialización. Estanse facendo inspeccións continuamente en cetáreas e depuradoras, e estas accións teñen moita incidencia porque aí non hai, digamos, insolventes. Aí é xente que ten que responder co seu patrimonio de sancións moi importantes. Así que a xente ten moita precaución.

-Ir ao peto segue a ser a mellor solución...

-Efectivamente, ese segue a ser o método máis efectivo. O ideal é que a sociedade se conciencie. Temos que intentar entre todos recalcarlle aos consumidores de que non se poden coller unhas vieiras que che traen pola porta, por moi frescas que parezan. Non creo que ninguén compre unhas costelas de cordeiro que lle ofrezan pola rúa.

-¿Como está o panorama na ría?

-Seguimos tendo unha problemática na zona de Cabo de Cruz, onde hai xente que non fai escola, moitos deles metidos xa no xulgado. A ver se sae dunha vez unha sentencia que nos axude nesta guerra que temos contra esta actividade. Pero xa digo que, nestes momentos, a situación non é a que foi en anos pasados. Malia todo, non descansaremos nesta loita.

-¿Que pasa cos mergulladores?

-Hai furtivismo de mergullo que se dedica a este tipo de actividades. Nestes momentos, a pesca submarina está restrinxida á fin de semana e a unhas zonas determinadas, polo tanto énos máis fácil telos controlados. O noso traballo, moitas veces, non é moi ben visto polo sector. Pero os mariñeiros teñen que saber que nós traballamos para eles, e que precisamos da colaboración de todos.