«Os profesionais están contratados de hai tempo e agora non se atopan»

La Voz

AROUSA

03 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Caneda é profesor de Cociña na escola de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés. Coñece ben o mercado laboral ao que saen os seus alumnos, así que nos diriximos a el para saber como é posible que, en agosto, sexa tan complicado atopar un bo cociñeiro.

-A verdade é que a estas alturas é imposible. Podes atopar axudantes, ao mellor, pero alguén con capacidade para levar unha cociña é moi, moi difícil. Téñenmo comentado, que nin no INEM, nin en ningún sitio.

-¿E como se explica iso?

-Os profesionais queren traballar todo o ano disto e o sector na comarca do Salnés -non é un problema exclusivo do Grove- é moi estacionario. As tempadas duran, como moito, ata despois da Festa do Marisco, e a xente que é profesional e quere vivir disto, quere traballar todo o ano, así que moitos marchan ás Canarias, ás Baleares e mesmo a Inglaterra. Os que quedan aquí xa están contratados de hai tempo e non se atopan.

-O problema, logo, é a estacionalidade.

-Eu creo que iso é un dos factores que máis afectan e que leva a moitos bos profesionais a marchar fóra. Polo demais, aquí, na maioría dos casos, os empresarios queren espremer ao máximo a tempada de verán, porque é a que hai, e iso produce situacións de precariedade, de moitas horas de traballo que non sempre se ven recompensadas cun salario acorde... Eu entendo ao empresario, que ten que sacarlle todo o partido ao verán, pero tamén entendo a perspectiva do traballador.