«Fixen cousas tan rompedoras que estou asustado conmigo mesmo»

C. Crespo

AROUSA

Luis Emilio Batallán actúa hoxe na Illa (21 h) revisitando o seu antigo repertorio

20 may 2016 . Actualizado a las 11:34 h.

Vén de sacar 70 y 29, o seu primeiro disco en español, editado por Universal Music, con colaboracións de Serrat, Sabina ou Pablo Milanés, entre outros. Un disco marcado polas influenzas latinas, dende a bachata ao reguetón. Un disco que aínda non presentou en directo -farase en América-, polo que no seu concerto de hoxe na Illa tirará do seu anterior repertorio.

-A estas alturas dá a sensación de que xa se permite facer o que lle veña en gaña, ¿non si?

-Un artista é o que ten que facer. Cando Aí vén o maio tivo o éxito que tivo a compañía quería que repetise aquel disco e díxenlle «iso xa esta feito», e fixen Ballet da nena nunha onda totalmente diferente. Pero si, con este disco reinventeime por completo. As veces cando o vexo aínda penso que como cheguei eu a conseguir esto.

-Hai bachatas, salsa, bossa e ata tecno...

-Si, é un disco moi rompedor. Estou asustado conmigo mesmo porque atrévome con cousas moi potentes. É un gran salto, dende logo. Un salto cara a fóra, cara a América e cara ao mundo.

-¿Resultoulle máis complicado cantar ou escribir e compoñer en español?

-As dúas cousas foron complicadas pero o máis difícil foi escribir as letras. Non tiña práctica de escribir en castelán e costoume. Foi un traballo moi duro pero estou moi satisfeito do resultado.

-No disco ponlle música tamén a poemas de Gil de Biedma, Fonollosa e Carlos Oroza. ¿Atráenlle os malditos?

-Si, claro. Os que gravamos este disco somos tamén xente bastante maldita, xente moi vivida, de pouco fiar [rise].

-¿Como foi a experiencia de traballar para unha multinacional?

-Home, é outro nivel. Universal dache unha cobertura moi potente en España, en Latinoamérica e en todo o mundo. Para o artista é unha tranquilidade enorme.

-¿Puido traballar con liberdade?

-Con absoluta liberdade. E cun apoio enorme. Iso permitiume facer cousas ás que se fose de independente non podería nunca chegar.

-Vostede é unha icona da música galega. ¿Non lle preocupa o que lle vaian a dicir agora?

-Non me preocupa en absoluto porque este disco ten outros horizontes. Eu a Galicia quéroa moito pero este disco vai buscando o mundo.

-¿Está farto de que o asocien sempre con «Aí vén o maio»?

-Non, estou moi orgulloso de Aí vén o maio. Pero só é un disco máis da miña traxectoria. O que pasa é que, como dicía Cela, este país é tan pobre que non se poden ter dúas opinións da mesma persoa.

-Non me dirá agora que se sinte incomprendido...

-Non, incomprendido non porque o público, que é ao final o que importa, é marabilloso conmigo.