O Rasu recupera o liderado e cun empate co Teucro B será campión o sábado

vilagarcía / la voz

AROUSA

Os de Kito aproveitaron o agasallo de Viña Costeira, que derrotaron o filial pontevedrés cun gol co tempo xa cumprido

12 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Clasificado dúas xornadas antes para a que será a primeira fase de ascenso á Primeira División Nacional de balonmán dun equipo sénior masculino na historia do club, o Rasoeiro de Kito Parada ten este sábado na súa man asinar un novo fito na entidade. E todo, grazas ao Viña Costeira Ribeiro, que co seu triunfo in extremis sobre o Teucro B permitíulle ao cadro meco recuperar o primeiro posto da Primeira Autonómica cunha vitoria incontestable ante o pechacancelas, o Chapela B: 32-17.

Fronte a un partido sen historia, zanzado cun 10-0 de saída para os de Kito Parada, o filial do Teucro sufría fronte ao cuarto clasificado, un Viña Costeira Ribeiro que foi a máis nesta segunda volta, e que tumbou ao ata o sábado líder cun gol de penalti xa co tempo cumprido que puxo o 36-35 final.

Vantaxe nun final igualado

«O resultado do Teucro B dános unha pequena marxe», comentaba onte Kito Parada, xa que agora o Rasoeiro é primeiro con 38 puntos, un máis có conxunto pontevedrés, co que se medirá este sábado a partir das 18.30 horas na cidade do Lérez. Unha dose de confianza para afrontar a gran final polo título na que se converteu o derradeiro choque da Liga entre dous equipos que no encontro da primeira volta, no Pavillón do Monte da Vila, remataron cun 25-26 favorable ao cadro visitante.