Boa Vila, o decano do Salnés xurdido das marxes do Lérez

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O actual plantel do Boa Vila Umia pelexa polo ascenso desde o Grupo 3.ºA de veteráns.
O actual plantel do Boa Vila Umia pelexa polo ascenso desde o Grupo 3.ºA de veteráns. óscar vífer< / span>

Un equipo con 39 anos de historia con nome de cantiga

23 mar 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

A un ano das catro décadas. Así de ampla é a historia do Boa Vila Umia. Un equipo lonxe da súa era de gloria, inmerso na pelexa polo ascenso desde o Grupo 3.ºA das Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra, pero que mantén ese espírito fundacional que prima a compoñente lúdica e fraternal sobre a competitiva.

Aos seus 71 anos Manuel Abuín, Piris, preside hoxe o Umia na Primeira Autonómica do fútbol afeccionado. Faino atesourando no recordo as dúas décadas longas que disfrutou coma xogador do ata hai ben pouco Boa Vila a secas. Un equipo que axudou a montar cando varios dos xa retirados futbolistas do mítico Hai que Roelo do Pontevedra, caso de Kaki ou Estévez, buscaron a súa axuda para fundar un novo plantel de veteráns ao saír de maneira non amigable do conxunto no que ata entón se divertían cada semana. «Coñecíanme de verme xogar no Umia, e tamén no campionato de empresas de Pontevedra e do Salnés que había daquela», lembraba onte Piris. «Chamáronme para ver se lles botaba unha man para montar un novo equipo, e entre dez de Pontevedra e catro ou cinco de Barrantes e do Salnés fixémolo».

Tratábase, di o hoxe presidente do Umia, «dun equipo de Pontevedra que xogaba en Barrantes, porque en Pontevedra era complicado conseguir un campo os sábados pola tarde». De feito, sinala Piris, á cidade do Lérez lle debe o seu nome o equipo. Para ser precisos, á coñecida cantiga que dicía aquilo de «Pontevedra é boa vila, que dá de beber a quen pasa». Con Barrantes como feliz dispensador. No caso dos xogadores do conxunto veterán, de tinto do lugar, que degustaban no Che tras cada partido na vello campo de terra da Bouza.

O Boa Vila chegou gañar dous títulos de Liga da División de Honra. E ata disputar no Estadio de Pasarón a final da fase de campións provinciais tres lustros atrás, que perdeu a penaltis co representante da Coruña.

Con 55 anos, e despois de ser un fiel integrante do equipo desde os 32, Piris colgou as botas, converténdose nun asiduo espectador da competición de veteráns. E desde a barreira apreza un cambio na actitude de moitos equipos e xogadores. «Hoxe a xente vai más a competir que a divertirse. Nós iamos coa ilusión de gañar, pero non partíndote o lombo, e creo que agora hai menos dese espírito nas Ligas».

Despois de longas tempadas de poucos cambios, hai cinco anos o Boa Vila iniciou un proceso de rexeneración que reducíu drasticamente a idade media do equipo, hoxe un grupo de trinteañeiros con Miguel Castro Chans como adestrador. «O 95 % de nós saímos do Umia de fútbol afeccionado», lembra Castro, nun proceso que completou a arousanización do Boa Vila. E se ben entende que hai plantel para o ascenso, o técnico di que non o ven coma unha obriga, primando que todos os xogadores teñan os seus minutos de goce sabatino.