«Premiouse a frescura, se o tivésemos todo milimetrado igual non nos comiamos nada»

C. Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Noite Fechada son Matías Leiro, Gustavo Rey, Carmelo Abollo e Nolo Chazo
Noite Fechada son Matías Leiro, Gustavo Rey, Carmelo Abollo e Nolo Chazo

O grupo estrea hoxe en directo en Barrantes o seu primeiro disco «Con visión de festas»

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres anos, alá polo 8 de marzo do 2013, presentábanse por vez primeira nestas páxinas un grupo de catro gamberros chamativamente ataviados que, baixo o grito de guerra de Noite Fechada, perpetraban unha serie de versións de clásicos do rock coas letras tuneadas para a ocasión. Dicían daquela que o seu único obxectivo era saír de carallada e pasalo ben. Tan ben o pasaron que xa levan ofrecidos máis de cen concertos, que artellaron un rotundo repertorio con temas propios e que acaban de gravar un disco que hoxe estrean nun concerto que terá por escenario o do seu debú, o Encontro de Barrantes.

-¿Pensaban hai tres anos que o grupo podería chegar ata aquí?

-Non, para nada. O grupo estaba plantexado para tomarnos a música un pouco de cachondeo. Pero a resposta do público foi tal que, case sen querelo, nos obrigou a tomarnos o grupo un pouco máis en serio, a coidar máis as letras, a facer temas propios, a petar en moitas portas para tocar... E aquí estamos, mira ti.

-De feito, Noite Fechada debe ser o grupo da comarca que máis concertos ten ofrecido nestes anos.

-Pode ser. O ano pasado demos 35 concertos. No 2014 fixemos máis de 40. En total levamos 107 e estamos parados dende novembro.

-¿Por que cren que con Noite Fechada soou a frauta?

-Seguramente porque nunca o buscamos. A xente premiou a naturalidade e que fósemos un grupo fresco e espontáneo. Ao mellor se o tivésemos todo programado ao milímetro non nos comiamos nada.

-Falemos do disco. ¿Non tiñan un pouco de medo de que se perdese esa frescura que o grupo ten en directo?

-Sabemos que nos concertos gañamos, pero o resultado final reflicte bastante ben o noso son en directo.

-O disco é cen por cen rock and roll.

-En esencia si. Pero tamén hai algo de reggae, de rollo punkarra e ata de indie se lle queres chamar así.

-¿De quen se senten máis perto, dos primeiros Siniestro Total ou de Heredeiros da Crus?

-De todos. Ao final no rock and roll en Galicia estamos todos interrelacionados e moi perto uns de outros.

-Nas letras non deixan títere con cabeza.

-Bueno, non son tan animais como as que facíamos ao principio. Pero si, case todas son unha gamberrada aínda que algunha xa ten un contido máis crítico.

-E moito sexo...

-Moita xente no lo di pero non é esa a nosa temática principal. Supoño que é porque chaman máis a atención.

-Atrévense incluso cunha panxoliña, para pechar o disco.

-É unha panxoliña que se burla da concepción da virxe María polo Espírito Santo. Con ela gañamos no 2013 o premio do certame Panxorock que organiza a Escola Audiovisual de Vigo. Así que había que metela no disco.

-Comezaron facendo versións pero no disco inclúen só dúas.

-Son desas que sempre nos pide o público. Unha de Seven Nation Army que titulamos Sempre os de verde, e outra de Nirvana que rebautizamos como Son jallejo. Pero para nós o máis importante do disco son os temas nosos. O tema das versións está moi guai para botar a andar pero sendo un grupo de versións sempre te vas quedar niso. E nós queremos ir un pouco máis aló.

-A partir de agora, ¿cales son os seus obxectivos?

-Mover o disco todo o que poidamos, intentar colarnos nalgúns festivais e, pouco a pouco, ir seleccionando un pouquiño os garitos onde tocar porque para curtirnos xa nos chegou.

-As pintas coas que saen a escena son xa tamén unha sinal de identidade do grupo.

-Si, agora xa imos un pouquiño máis uniformados e normalizados, todos co noso traxe de galega. Pero a idea é cambiar o vestiario e a estética con cada disco.