«Tokio 2020 non está agora en mente»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os irmáns daránse un tempo de reflexión, pero adiantan que sen un bo espónsor seguir na carreira olímpica do 49er é imposible

17 feb 2016 . Actualizado a las 15:41 h.

Collemos a Antón Paz onte a media tarde no cambio de terminal no aeroporto de Madrid, con apenas 10 horas de sono nos últimos dous días e devecendo completar a súa viaxe de volta desde Clearwater, Florida. Carlos chegaba media xornada antes a Porto, ás 7 da mañá, co nacemento en Pontevedra con 15 días de antelación da súa primoxénita, Ana, precipitando o seu regreso mentres o seu irmán remataba de recoller o material co que competiron no Mundial de 49er a semana anterior. Unha feliz nova que iluminou o ánimo de dous vilagarciáns que veñen de quedar de portas a fóra dos Xogos Olímpicos de Río, logo de ter conseguido para España a praza nos mesmos na clase no 2014 en Santander. Os Paz analizan o desenlace, e o camiño que os levou ata acó. Por diante, un tempo de reflexión, e polo que semella, unha difícil continuidade na vela olímpica tras 7 arduas campañas no mesmo barco.

-Dous primeiros excelentes días en Clearwater, coqueteando mesmo co podio, e tres últimas xornadas para o esquecemento. ¿Que afastou os Paz dos Xogos?

-Carlos: As condicións nos primeiros grupos sempre son máis doadas, coa xente preocupada por pasar o corte. Logo no grupo ouro o primeiro día tivemos mala sorte nas primeiras ceñidas, navegando ben pero non acertando co lado de saída, e con vento non era doado remontar. Inda así, un 11, un 12 e un 8. O último día tivemos unhas condicións de vento moi rolón e inestable. Na primeira manga apostamos pola esquerda, e o vento entrou pola dereita. Na seguinte arriscamos, e non nos saíu ben.

-Antón: Cada día houbo unhas condicións moi distintas. O último da previa non estivemos cómodos na posta a punto, na velocidade, limitándonos á hora de facer resultados, retrasándonos moitos postos, o que foi un hándicap para poder rematar entre os 8 primeiros. Nos dous días das finais non conseguimos acertar e estar arriba nos primeiros treitos das mangas.

-No Mundial de novembro en Arxentina ocorreulles o mesmo. Foron de máis a menos...

-Carlos: Si. Con xornadas complicadas nas finais, nas que non tivemos un día inspirado, ao contrario cá en Santander. Pero mirándoo en perspectiva co adestrador -e seleccionador español de 49er, Carlos Llamas-, o noso 2015 foi moi complicado, con Antón parado 4 meses -por unha neumonía durante o Trofeo Princesa Sofía en Semana Santa-, e eu cunha operación de ril tras o Mundial de Arxentina que me obrigou a parar mes e medio, ata o 4 de xaneiro. Detectáronme unha obstrucción no uréter un par de meses antes, e obrigábanme a facer a operación canto antes porque podía perder un ril. Conseguimos que se programara para despois do primeiro Mundial. Agora estou ben. A touro pasado do que nos decatamos foi deses 6 meses perdidos de competición.

-Antón: Si. A conclusión destas últimas competicións é que nos faltaba un pouquiño máis para consolidarnos no top mundial, para poder ser regulares en todas as condicións, sen necesidade de tomar decisións tan arriscadas. Foron dous campionatos cunhas condicións moi inestables. E coincidíu que os días que tiñamos que estar máis inspirados non o estivemos. Creo que o que nos marcou máis este último ano foron as baixas ao longo da tempada, que provocaron que non puideramos traballar durante todo o ano ao 100 %. A falta de continuidade fixo que non puideramos chegar coa fluidez precisa e ideal.

-Nin o aval do ouro olímpico de Antón no Tornado en Pekín 2008 bastou para conseguir o que en moitos outros deportes resultaría lóxico, un ou dous grandes patrocinadores para encarar en condicións unha preparación olímpica. ¿Cren que de ter tido ese respaldo estarían en Río?

-Carlos: Ese foi outro hándicap, que nos 2 últimos anos o orzamento privado non nos deixara ir a todas as competicións ás que deberamos ter ido. As institucións públicas si nos apoiaron.

-Antón: Estabamos un tanto estancados na velocidade e na técnica de navegación, e os 3 últimos anos con Carlos Llamas conseguimos unha gran progresión. Está claro que se contaramos con máis apoio económico e mellor material tería cambiado un pouco a cousa.

-A súa foi unha dura ruta de navegación de 7 longos anos. ¿Que balance fan? ¿Con que se quedan?

-Carlos: Con poder facer unha preparación olímpica co meu irmán, aprender da súa experiencia, e compartir todos estes momentos con el. Foi unha gozada. Non se acadou o obxectivo, pero estivo moi preto. Grazas tamén á nosa familia, polo seu apoio.

-Antón: Sobre todo o máis importante foi compartir unha experiencia tan bonita e un soño co meu irmán. E esta experiencia, xunto coas outras que tiven, fan que siga sendo unha persoa coñecida e valorada neste deporte. Ao final non se puido dar, pero estivemos moi preto da praza.

-¿E agora, que? Os Paz irán a polos Xogos de Tokio 2020?

-Carlos: Ese será un tema a falar nuns meses. Haberá que darlle voltas. Estaría totalmente condicionado a atopar un patrocinador. Somos a tripulación máis veterana en 49er, e iso di moito da súa esixencia física. Eu quedeime coa espiniña. Son 4 anos máis novo cá Antón. Eu creo que podería seguir ouros 4 pola miña parte no 49er, e tentar continuar o soño de ir a uns Xogos e acadar unha medalla. Sobre todo despois de que empezasen a chegar os resultados.

-Antón: Temos que facer un pequeno parón, poñer todo en común, e ver que facemos. Pero tal e como está o tema dos apoios, está complicado seguir pensando en campaña olímpica, con familias que manter. A nosa veteranía é un grao, pero nos barcos de vela olímpica, inestables, o esforzo físico é moi grande, e a idade vaite marcando. Os Xogos de Xapón agora non están na mente. Temos que falalo, e velo. Logo de traballar estes 7 anos estariamos con moito avanzado. O que eu teño claro é que seguirei dedicado profesionalmente á vela, como adestrador ou en barcos grandes.

carlos e antón paz blanco regatistas vilagarciáns que remataron ás portas dos Xogos de Río de janeiro

«O sistema é inxusto. Que gañásemos a praza para España e non se tivese en conta»

Outra parella de irmáns, Federico e Arturo Alonso, foron os vencedores da pelexa a tres bandas pola praza olímpica española no 49er. Unha batalla naval na que os Paz denuncian as formas dos asturianos.

-Haberá quen considere inxusto que a tripulación que acadou a praza olímpica no 49er para España deba mirar os Xogos desde a televisión. Máis inda cando a parella clasificada rematou última no grupo ouro de Clearwater, e logo de pasar o corte polos pelos...

-Carlos: Quedounos un mal sabor de boca, tanto a nós como a Diego -Botín- e Iago -López-, co sistema de clasificación. Ao quedar terceiros os Alonso en Arxentina obrigábanos a facer diploma. O noso adestrador pensaba que se faciamos diploma superariamos os Alonso, porque foron a Miami e fixérono moi mal, e en Arxentina tiveron unha mestura de boa navegación e sorte nun día crucial moi complicado de vento. E finalmente, así foi, remataron 25 no grupo ouro. Eles dedicáronse nas regatas da final a obstaculizar a Diego e Iago para que non acadaran o diploma. Rozando a ilegalidade. Iso deunos a nós o chance de poder navegar tranquilos, de ser nós mesmos os que perdésemos ou gañásemos a praza. En perspectiva o sistema foi inxusto. Que nós gañásemos a praza en Santander e non se tivese en conta. E que o que fai un teceiro e un 25 nun Mundial estea por diante do que fai un noveno e un undécimo. Algúns estranxeiros están bastante contentos. Con Carlos, e con Iago e con Botín, fixemos un gran traballo e creamos unha gran complicidade. Non imos aos Xogos, pero gañamos dous amigos. O traballo con Carlos Llamas foi enorme nos dous últimos anos, con moitas tripulacións estranxeiras pendentes de nós.

-Antón: Si. A verdade é que eles -os Alonso- xogaron a súa baza unha vez entraron no grupo ouro. Aí o seu obxectivo era que ningún dos outros dous españois puidesemos rematar entre os 8 mellores. Centráronse en facer unha marcaxe a Diego e a Iago, que levaban un grande último mes. E conseguírono. Foi unha pena, porque de ter estado nós máis acertados no primeiro día das finais, teriamos tido máis posibilidades Botín ou nós, porque controlar as dúas tripulacións era imposible.