Cafetería Vilariño, os veciños que montaron o seu retiro deportivo arredor duns viños

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O conxunto cambadés cumpre a súa undécima tempada nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra

07 oct 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Para os xogadores do Cafetería Vilariño as tapas e o viño que o pasado sábado compartiron como cada semana no local do patrocinador do equipo á volta do seu partido nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra souberon a gloria. E é que non todos os días se é quen de derrotar a un rival da talla do Cornazo, un colíder do Grupo 2.ºB que perdeu a súa condición de invicto a mans do cadro cambadés, que ademais de gañar, foi quen de facelo por 0-3 fronte a un rival que tan só encaixara catro tantos nas catro xornadas de campionato disputadas ata entón na presente tempada.

Noveno con 8 puntos, as aspiracións do Cafetería Vilariño non pasan de «quedar o máis arriba posible» na súa terceira campaña ininterrumpida na categoría de prata das Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra. Un torneo no que inicia o seu undécimo exercicio como un coletivo asentado entre a Terceira e a Segunda categorías conservando o seu espírito de equipo de parroquia.

As circunstancias fan que desde a tempada pasada Jorge Figueiras Castelao, curiosamente un dos contados xogadores nados fóra de Vilariño, exerza a función de presidente, ademais da de delegado e de xogador. «Se ocupo máis cargos, son político», dicía onte con humor. O seu traballo levouno unha década atrás a vivir na parroquia cambadesa, e a sumarse a un equipo que entre viños, nas conversas relaxadas dos asiduos á Cafetería Vilariño, tomou corpo.

«A maioría xogara no fútbol afeccionado, e deixárao porque comezaba a ter fillos, ou porque os traballos non deixaban tempo para adestrar», a maioría no Chispa, no Caleiro e no Juventud Cambados, lembra Figueiras. Os máis manexábanse na contorna dos 30 anos, e «non querían deixar a actividade física» tan cedo.

Despois de dúas tempadas de competir como Xacobeo «pasamos a chamarnos Cafetería Vilariño». O círculo pechábase co patrocinio do local no que nacera todo, e no que comeza e remata cada experiencia semanal de reencontro co coiro nos pés e dez compañeiros compartindo alegrías e penas durante 90 minutos de partido.

Cun título de campións de Terceira agardando compaña na vitrina de trofeos, aquilo de que o importante é participar pasa do tópico ao feito entre os 25 integrantes do plantel do Cafetería Vilariño. «Isto naceu como unha escusa para xuntarse, e agora estamos enganchados. Xa non hai quen o deixe. Para min», e polo que se intúe para a maioría dos compañeiros de Jorge Figueiras, é unha válvula de escape da vida cotiá».

fútbol veterán