Na memoria do amigo leal

Xesús M. González

AROUSA

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu pequeno e persoal contributo de homenaxe ao compañeiro, amigo leal e camarada Luís Rei, foi o de permanecer en silenzo nas redes sociais, incluso declinei a oferta -cousa que de corazón agradezo- dun medio de comunicación de dicir unhas verbas na súa honra por mor do seu repentino pasamento, por suposto admitindo que non era, nin son a persoa máis idónea. Coñecendo a Luís -no meu caso, modestamente creo que fixen o que me pareceu máis correcto- el sempre quería pasar por discreto, pero non podía polas súas cualidades innatas, xa que logo el era un volkgeist dúal: centrípeto (atraía) e ao mesmo tempo centrífugo (espallaba), el era eixo, el era un grande mestre de alumnos. Tempo abondo haberá para falar das súas outras moitas, boas e incuestionables cualidades no vindeiro, do seu sempre bo quefacer. A propaganda de ben, é a que temos que transmitir no seu nome de agora en diante, co obxecto de que a semente que prantou sexa fructífera, toda vez que a outra xa agromou con fondas raiceiras nos nosos corazóns e nas nosas almas a mans cheas, formando, conformando e modelando en parte o noso ser.