Estar aí

Camilo Franco ESCRITOR E XORNALISTA

AROUSA

11 ago 2015 . Actualizado a las 22:11 h.

Éunha manía funesta medir a xente cando morre. Como se o momento do reconto fose máis importante que a vida levada. Como se as persoas fosen máis importantes, máis valiosas, máis mencionables cando desaparecen. Esa teoría de que a ausencia é o que dá a medida das cousas. É unha manía funesta porque, no fondo, mide máis a quen queda que a quen marcha.

 Tamén temos algúns problemas para facer biografías de xente que sempre está aí aínda que non fale alto porque parece que non se deu a ver ou porque os biógrafos prefiren as obviedades. E Luís Rei estivo aí. Sempre estaba aí. El non querería contestar onde, porque perdería unha resposta con retranca. Pero estaba onde facía falta, onde era necesario. El mesmo diría que iso non ten mérito porque hai tantas causas que atender e tantos lugares con necesidade, que estar é só unha consecuencia. Pero hai que ser consecuente. Luís era consecuente. Foi consecuente ao longo dos anos. É un mérito que require de moita enerxía e que ten poucos altofalantes. Foi consecuente no tempo, entendendo a vida como unha fronte amplísima na que política, cultura, axitación, retranca, debate, teatro, libros ou entroido formaban parte dun sistema no que non era necesario de todo dividir as tarefas.

Esa é a consecuencia das cousas. Nesa mesma consecuencia Luís Rei era un discutidor. Prestáballe o debate, pero formaba parte desa especie tirando a rara dos que primeiro levan a contraria e logo arriman o ombro dos primeiros para axudar. Dos de debater por facer uso da palabra. Desa xente que por máis que fale nunca perde a forza para facer.