A Deputación levará a preto de cinco mil persoas a balnearios da provincia

La Voz

AROUSA

06 sep 2014 . Actualizado a las 14:21 h.

Preto de 5.000 persoas (4.923) van poder disfrutar nos vindeiros meses de estadías en balnearios e centros termais da provincia de Pontevedra no marco dos programas Saúde e Benestar e Coidarte. Aos 3.199 inscritos no programa Saúde e Benestar, que inclúe estadías con aloxamento, súmanse os 1.724 que xa confirmaron a súa participación en Coidarte, que inclúe cinco tardes en balnearios con viaxe de ida e volta diario. Son dúas iniciativas da Deputación «que teñen unha elevada demanda, porque lle permiten aos beneficiarios disfrutar dos beneficios dos establecementos termais a prezos reducidos», segundo informa o organismo provincial.

Os dous programas van dirixidos a persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou dedicadas ao coidado de dependentes que precisen dun respiro familiar e ten un dobre obxectivo: fomentar o envellecemento activo e ofertar a este colectivo oportunidades de descanso e de lecer a un prezo asequible, e, pola outra, dinamizar o sector turístico, facilitando a actividade económica neste sector en temporada baixa.

No caso do programa Coidarte, os balnearios máis demandados son o Termas de Cuntis (con máis de 600 solicitudes), seguido do de Mondariz Balneario (preto de 400); Hesperia Isla de la Toja, con 323 solicitudes e o Talaso Atlántico de Oia, con 153. Ao Torre do Deza de Lalín irán 30 persoas, a Talaso Spa Moaña 45; e ao Spa Norat de O Grove, 63.

En canto aos participantes no programa Saúde e Benestar, ofertaba prazas en 9 establecementos, sendo os máis demandados o Balneario Illa de A Toxa, con 488 solicitudes; o Gran Talaso de Sanxenxo, con 275 solicitudes, o Talaso Atlántico de Oia, con 272 solicitudes e o Talaso Louxo A Toxa, con 252 solicitudes. As demais prazas distribúense entre os Spa Via Argentum de Silleda; Nanín Playa, de Sanxenxo; Norat, de O Grove; Oca Galatea e Carlos I Silgar en Sanxenxo .