«Entro coma nun trance e as verbas sáenme soas»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

O vilagarcían volta a casa cunha actuación no auditorio na que podería haber ata algunha petición de matrimonio

04 oct 2013 . Actualizado a las 06:54 h.

Hai tanto tempo que Carlos Blanco non actúa en Vilagarcía que xa nin se lembra de cando foi. Se cadra, a anterior aparición foi no balcón do Concello, de pregoeiro das festas de San Roque. Hoxe, ás nove no auditorio, regresa á súa terra para facer unha contada das boas

-Xa sei que nunca leva decidido do que vai falar pero ¿ten algo xa pensado?

-Teño tanto repertorio que é sinxelo improvisar. Podo falar deste outono, que chegou de golpe, ou de mil cousas que poden pasar entre hoxe e mañá. O meu deuvedé (Ao vivo) dura seis horas e sempre vou collendo cousas. O público sabe que van aparecer temas que xa coñecen. O monólogo da dobraxe porno en Galicia, por exemplo, que agora xa é viral no whatsapp. Intento introducir elementos novos para non caer eu na rutina e para que non se lle faga monótono á xente. Ben, hai cousas que levo tempo sen facer. O monólogo da Garda Civil, por exemplo, levo dous anos sen contalo.

-¿Pero acepta peticións?

-Mira que curioso. Estes días unha rapaza contactou polo Facebook porque quérelle pedir o mozo que case con ela e pediume axuda, pero non sei como facer. A min pásame unha cousa moi curiosa, ben difícil de explicar. Entro como nun trance e as verbas veñen soas. Nunca fixen esquí pero debe ser unha sensación parecida. Méteste na costa abaixo e non hai volta atrás.

-Case que poderiamos dicir que a de Vilagarcía é a primeira actuación da xira inglesa (Carlos ten tres bolos en Londres a vindeira semana).

-Pois si. Aquilo vai moi ben. Xa van duascentas entradas vendidas das trescentas. Para a actuación do xoves non quedan entradas e para a primeira do sábado están vendidas 112 das 120. Para a segunda do sábado si que hai máis. É curioso, eu pensaba que habería más xente na das nove que na das sete. Se cadra son galegos pero xa teñen metidos os horarios ingleses.