«Cando se fala de festa, os de Vilaxoán somos os primeiros»

María Santalla VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

11 ago 2013 . Actualizado a las 06:52 h.

Durante varios anos, Xoán de Vilaxoán dinamizou coa súa produtora Mr Misto a actividade cultural de Vilagarcía. Segue niso, pero a crise veu cambiar moitas cousas na traxectoria profesional deste vilaxoanés militante.

-Comecemos pola foto. Xa de pequeno lle tiraba a farándula.

-Debía ter dous ou tres aniños. Parece ser que é unha foto no Fogar do Pescador, cando o carnaval era o carnaval. É un pouco un exemplo de cousas que había e que xa non hai. Xa vés, nunca toquei a gaita, pero xa ía para ghaiteiro. Son neto da bailarina, foi un apodo que lle quedou ao irmán de miña avoa, que parece ser que era un fenómeno bailando.

-Sendo de Vilaxoán, ademais, iranlle a festa e o canto.

-Os de Vilaxoán temos todos os defectos do mundo, porque temos moitos defectos, pero si que cando se fala de Vilaxoán ou cando se fala de festa somos os primeiros en apuntarnos. E si, o tema de cantar, pero eu o de cantar non se me dá tan ben.

-¿Que anda facendo agora?

-Agora é un momento complicado. Este é o décimo ano da empresa, como produtor. É un ciclo vital que xa se pechou. Ando niso, non en pechar a empresa en si, pero si en facer as cousas doutra maneira, traballando en colaboracións, sumando esforzos en lugar de tirar do carro. É o momento de buscar novos camiños.

-¿Vilaxoán, Sobradelo, Sobrán?

-Non é Vilaxoán ou Sobradelo. É Sobradelo ou Sobrán. Vilaxoán historicamente está formado por dúas parroquias. Eu vivín sempre en Sobradelo pero nunca deixei de ser vilaxoanés.

-Parece que non sentou moi ben a celebración do Centenario.

-Eu creo que non sentou nin ben nin mal, simplemente non se entende. Vilaxoán no seu momento era unha vila que funcionaba, cos seus problemas coma todas, pero funcionaba. Hai 25 anos tiñamos todos os servizos, comercios, había vida, e todo iso veu a menos. E non creo que houbera unha estratexia de aniquilar unha vila, pero houbo uns intereses. Agora falta estratexia, pero non só en Vilaxoán, falta saber qué quere ser Vilagarcía no mundo. Creo que ten que saír un golpe de efecto, e vai saír, porque hai caldo de cultivo.

-O sentimento de independencia de Vilaxoán, ¿é de verdade ou só de ?boquilla??

-A ver, eu non creo que hoxe sexa viable ter un concello, eu creo que temos que ir á fusión de concellos. Agora, que hai sentimento, si. A xente está cansada, e cando a xente está cansada poden saír alternativas, desde listas independentes a outras cousas.

-Vostede foi ata alcalde de Vilaxoán.

-Eu fun alcalde, si, de feito son alcalde este ano en funcións (Vilaxoán representou en primavera a farsa do Centenario e converteu a Xoán en rexedor). E se hai algo antes de final de ano, aí estarei, hai idea de facer algo cachondo antes de final de ano. É necesario facer algo.

-¿Verémolo encabezando esa lista independente?

-Non, home, esa é unha coña. Home, eu fixen Políticas, e o que sempre me tirou é participar. No seu momento tiven a oportunidade e non eran as condicións, e non sei como poden vir os tempos, pero se hai enerxía, hai gañas. Creo que non é tan difícil, cremos que non é tan difícil. Non hai nada feito, pero non me estrañaría que a xente nova fixera algo, porque non ten onde traballar.

-¿Os de Vilaxoán disfrutan as festas de Vilagarcía, agora que están aí?

-Eu creo que non. Eu síntome de Vilaxoán, pero tanto vou a Vilagarcía como vou a Carril. A min fastídiame que a Ameixa de Carril poida desaparecer. Eu non creo que haxa resentimento, senón máis ben impotencia, e non se viven as festas como aquí. Nós vivimos as festas do Carme, agora as Revenidas. Tampouco as festas son o que eran, creo que hai que facer algo para dinamizalas, eu recordo de neno que todo o verán era unha festa.

xoán mariño produtor cultural

cuatro sorbos de...

TIEMPO DE VERANO

«A celebración do Centenario non sentou nin ben nin mal, non se entende»

«A xente está cansada, e poden saír alternativas, como listas independentes»